Cortes de tráfico alternativos na PO-308, na avenida da Porteliña, a vindeira semana

Poio
17 de marzo 2023

Entre o luns 20 e o mércores 23 de marzo están previstos estes cortes de tráfico á altura da confluencia da PO-308 coa Rúa do Adro en Poio como consecuencia da mellora de servizos que se executan na contorna. Instalarán semáforos para regular a circulación por un só carril

Policía Local na avenida da Porteliña
Policía Local na avenida da Porteliña / Policía Local de Poio

Julio Casás, concelleiro de Obras e Servizos Municipais de Poio, anunciaba este venres que, entre o luns 20 e o mércores 23 de marzo, está previsto que se acometan cortes de tráfico alternativos na PO-308, na avenida da Porteliña, á altura da confluencia coa Rúa do Adro.

A causa atópase na execución de obras de mellora e dotación de servizos que se acometen na zona. Por este motivo pecharase un carril de tráfico para que poidan intervir os operarios.

Habilitaranse semáforos para garantir a circulación en ambos os sentidos de maneira alternativa.

Desde o Concello de Poio recomendan a utilización doutras vías alternativas para desprazamentos cara a Pontevedra ou Sanxenxo para evitar acumulación de tráfico na zona. As alternativas propostas son a estrada que conecta Portosanto con Campelo e a estrada autonómica de Vilagarcía e a VG-4.8.