Corte de tráfico diante do novo Hospital Montecelo durante dúas semanas

Pontevedra
12 de novembro 2024
Actualizado: 11:55

O corte da circulación na Avenida de Montecelo está previsto para este mércores 13 de novembro ás 10.00 horas. A medida é consecuencia da instalación dunha canalización eléctrica

Avenida Montecelo
Avenida Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés indica que a partir de mañá, mércores 13 de novembro, ás 10.00 horas, procederá ao corte dun tramo do vial da Avenida de Montecelo, diante do edificio en obras do novo centro hospitalario.

Este peche é necesario para realizar a instalación dunha canalización eléctrica por parte de Unión Fenosa para as obras do Novo Montecelo.

O corte do vial terá unha duración prevista de dúas semanas, segundo as previsións do equipo xerente da área sanitaria.

Durante este tempo, o acceso ao Hospital Montecelo deberá realizarse a través do novo vial perimetral, inaugurado en marzo de 2024.

Este vial conecta, a través de dúas rotondas, a contorna da Cidade Príncipe Felipe coa rúa Ángel Limeses, preto do punto onde finaliza o actual aparcadoiro público de Montecelo.

Nesta vía, a velocidade está limitada a 30 km/h e conta con varias rotondas e pasos de peóns elevados para garantir a seguridade dos usuarios.

Recoméndase seguir as indicacións do persoal de obra para evitar contratempos.

Este mapa recolle a zona que permanecerá cortada e a altarenativa para circular:

Corte de tráfico en Avenida Montecelo
Corte de tráfico en Avenida MonteceloÁrea sanitaria de Pontevedra-O Salnés