O Concello de Barro anuncia que a Rúa do Pazo permanecerá cortada ata o luns 17 de xuño con motivo da instalación e as actividades das atraccións infantís que se sitúan nesta contorna dentro do programa da XLV Festa do Viño.
Precisamente, este xoves 13 comeza este evento coa festa infantil. O inicio está previsto á partir das 17.00 horas no Pavillón Municipal.
O público infantil terá a oportunidade de divertirse, con entrada gratuíta, cos inchables instalados neste espazo.
O venres 14, a xornada iniciarase con actividade deportiva no campo de Outeiro. Desde as 17.00 horas desenvolveranse encontros de fútbol de diversas categorías dos equipos basee do Varro Cf.
A continuación terán lugar os actos da inauguración do XVI Certame de Viños da D.O. Rías Baixas.
Ás 20.30 horas actuará o Grupo de Danzas Amor Ruibal de Barro.
Media hora máis tarde,Ramón Ballesteros, enfermeiro durante 26 anos no municipio, será o encargado de pronunciar o pregón. Tras a súa lectura actuará o grupo Son das Tabernas.
A xornada pecharase ás 22.30 horas coa verbena a cargo das orquestras París de Noia e La Ola ADN.
Será o preámbulo dunha fin de semana cun programa cargado de actividades.