O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e o Concello de Cerdedo-Cotobade anunciaron este venres actuacións nas infraestruturas viarias do municipio, que suman un investimento global próximo ao millón de euros.
O ministerio executará dúas actuacións principais na estrada N-541 entre Forcarei e Cerdedo-Cotobade, cun investimento total de 940.443 euros.
A primeira intervención consistirá na reparación do firme entre os quilómetros 68 e 69,8 no termo municipal de Cerdedo-Cotobade, cunha inversión de 475.499 euros.
A segunda céntrase na reposición das barreiras metálicas de contención entre os quilómetros 55,7 e 63,4, que afecta a ambos concellos, cun orzamento de 464.944 euros.
Os traballos comezarán o vindeiro luns 28 de outubro ás 8.00 horas.
Realizándose en horario diúrno e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.
Durante a execución, habilitarase un sistema de paso alternativo de vehículos por un só carril ao ser necesario cortar a circulación polo outro para realizar as obras.
MELLORA DO VIAL DE CALVELO DE ABAIXO
Paralelamente, o Concello de Cerdedo-Cotobade iniciou os traballos de ensanche e mellora do vial municipal de Calvelo de Abaixo, na parroquia de Tenorio, que conecta coa N-541.
Esta actuación, cun investimento de 55.318 euros, permitirá ampliar a anchura da calzada ata os 4,30 metros de media.
O alcalde Jorge Cubela supervisou o comezo das obras neste vial de 145 metros de lonxitude, que presenta actualmente problemas para o cruce simultáneo de vehículos.
A intervención inclúe o retranqueo de elementos eléctricos, demolición e reconstrución de muros, e a instalación dun novo sistema de drenaxe.
Ambas actuacións contribúen a mellorar a seguridade viaria na zona.
O ministerio lembra a importancia de respectar a sinalización provisional durante as obras na N-541, mentres que a intervención en Calvelo de Abaixo mellorará significativamente a vertebración interior da parroquia de Tenorio.
Cómpre sinalar que as obras na N-541 son independentes da agardada pavimentación integral proxectada para esta vía.
Este pavimento vai executarse nos próximos meses unha vez se aprobe definitivamente o proxecto e sexa licitado, segundo indican desde a Subdelegación do Goberno.