O movemento urbanístico que se intuía meses atrás cando Mercadona se interesou pola nave de Correos na avenida de Lugocomplétase agora cunha nova información urbanística solicitada no Concello de Pontevedra.
A Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos podería estar interesada en deixar ese inmoble para trasladarse a outro na parroquia de Alba, a que antes acollía o supermercado Dia.
Así, o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, indicou este mates que Correos pediu información urbanística sobre esta nave, que no seu momento Dia tiña en aluguer e ten outro propietario.
Correos sinalou nesa consulta urbanística o seu interese por utilizala como nave de uso industrial destinada a unidades de reparto. Así, pretende usala para o tratamento e a clasificación de correspondencia para a súa posterior expedición.
O correo non quedaría alí almacenado de xeito permanente, senón que se trataría alí para o seu envío inmediato.
Os técnicos municipais realizaron un informe no que pon reticencias a este uso de Correos, pois lembran que o artigo 40 da Lei do Solo de Galicia sinala que naves coma esta instaladas en solo rústico e afectadas por Carreteras del Estado só se poderán empregar para usos residenciais, terciarios ou produtivos, actividades turísticas artesanais e pequenos talleres e equipamentos.
"O desenvolvemento dunha actividade industrial, como a que se está solicitando nesta información urbanística, non estaría recollida dentro dos usos do artigo 40 da lei", sinala Oubiña.
Desta maneira, segundo indican os técnicos municipais, o uso que están solicitando en Correos "non sería viable", pero os servizos técnicos matizan que "poderán explorarse outras posibilidades asimilables ao reparto de correos".
É dicir, os técnicos "pechan a porta, pero non completamente" para ese interese de Correos. A entidade poderá estudar darlle unha volta e presentar outra proposta de uso sempre que non sexa industrial por non ser compatible coa lei do solo.
Segundo explicou Oubiña, "se a orientación do proxecto é outra, poderían volvelo presentar e estudaríase novamente".