Correlingua a ritmo de punk para reivindicar o uso do galego

Pontevedra
24 de maio 2023

Máis de 1.600 escolares e vinte centros de ensino participaron nesta edición do Correlingua ao seu paso por Pontevedra. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, dirixiuse aos estudantes na Alameda para lembrarlles a importancia do uso do galego entre a mocidade. O acto concluía co concerto de Peter Punk Pallaso

Celebración do Correlingua 2023 / PontevedraViva

1.600 escolares e vinte centros de ensino de Pontevedra e comarca participaron nunha nova edición do Correlingua, que se celebraba este mércores polas rúas da cidade baixo o lema 'Na casa e na escola bota a lingua fóra'. 

Despois da carreira urbana, o alumnado citábase na Alameda onde Fran Rei lía o manifesto para, a continuación, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores dirixirse aos estudantes lembrando a importancia do uso da lingua propia como signo de identidade.

Peter Punk Pallaso dedicouse desde o palco da música a ofrecer un concerto para que os participantes cantaran e bailaran ao ritmo dos temas en galego. 

Xacobe Rodríguez, integrante da organización, sinala que durante todo este mes de maio o Correlingua percorre diferentes municipios de Galicia ata o peche previsto o día 31 na Estrada. Lembraba a importancia de que os escolares volvan falar galego nas aulas, lamentando o decreto que prohibe impartir determinadas materias en lingua galega, e explicando a necesidade de que os menores falen a lingua propia e que o fagan con soltura.

O secretario comarcal de CIG-Ensino en Pontevedra manifestaba tamén a súa preocupación porque o Instituto Galego de Estatística ofreceu este ano, por primeira vez, un informe que mostra que en Galicia xa hai máis galegos que utilizan o castelán en lugar do galego. "Temos que pelexar e seguir e este fenómeno vai seguir adiante a pesar das políticas que van contra o galego", afirmou Rodríguez.

Neste Correlingua participaron o CEIP Isidora Riestra de Poio; o IES Ponte Caldelas; CPI do Toural de Vilaboa; CPI Domingo Fontán de Portas; CPR Santiago Apóstolo de Soutomaior; CEIP Espedregada; IES de Poio; CEIP A Xunqueira 2; CEE Pontevedra; CEIP Praza de Barcelos;  IES A Xunqueira 1; CEIP Parada Campañó; CEP Campolongo; CEIP Manuel Vidal Portela; CEIP San Martiño; CEIP Santo Andrés de Xeve; IES Luís Seoane; IES Frei Martín Sarmiento; CEIP Daría González García e CEP Marcos da Portela.