Correlingua 2018: "O galego é o futuro, o castelán é para os vellos"

Baixo o lema "a lingua non para", máis de 1.300 escolares de 20 centros educativos participaron nesta carreira polo centro histórico para reivindicar o uso do galego

Correlingua 2018 / Miguel Álvarez

1.300 escolares de 20 centros de estudo da contorna de Pontevedra participaban este martes na XVIII edición do Correlingua, a carreira de estudantes que promove o uso da lingua galega.

Nesta ocasión, o lema era "A lingua non para" e os escolares percorreron o centro histórico en dous circuítos, un para o alumnado de primaria e secundaria e outro máis curto para os de educación infantil.

A partir das 10.30, a praza da Ferrería converteuse no punto de encontro de todos os participantes.

A actriz e humorista Isabel Risco, coñecida popularmente polas súas intervencións televisivas, foi a encargada de conducir o evento con diferentes actividades nas que os menores cantaron e divertíronse coa animación de Art Monium, con músicos e dragón cospe-auga.