Corredurías de seguros de toda España suman esforzos nun proxecto común para colaborar de forma conxunta e solidaria cos máis necesitados.
Baixo o nome de #CorredoreSegurosContraCOVID-19, esta campaña ten como primeiro obxectivo recadar 316.000 euros que se destinarán á entrega de bens básicos a nivel domiciliario ou noutros lugares de confinamento a persoas en situación de especial vulnerabilidade ou ás autoridades xestoras destes espazos.
As asociacións de seguros españolas ADECOSE, Aunna, CIAC, Cojebro, E2K, Espabrok, FECOR e o Consello Xeral poñen en marcha de forma coordinada esta campaña en colaboración con Cruz Vermella. A organización internacional vén de habilitar unha conta bancaria especial para que as asociacións e corredores de seguros poidan realizar os donativos que consideren oportuno.
As achegas realizaranse por transferencia e deben incluír a palabra ‘Corredores’ no concepto da operación. Unha vez realizada a doazón poden enviarse os datos fiscais á atención de Jose Carlos García Yonte ([email protected]), responsable de Alianzas con Empresas e Responsabilidade Social, para a solicitude do certificado de doazón correspondente. A conta habilitada por Cruz Vermella é: 0049 1892 6729 1037 9703.
Pablo Lariño, como presidente da Asociación Galega de Corredores de Seguros (AGACOSE) e da Coordinadora Independente de Asociacións de Corredores (CIAC), fai un chamamento á solidariedade dos corredores de seguros para que se sumen á campaña #CorredoreSegurosContraCOVID-19:
"A vosa axuda é crucial, porque cada euro resulta fundamental nestes momentos. A situación que estamos a vivir non ten comparación con nada do que vivísemos ata a data e require dunha resposta á altura das circunstancias. Hoxe máis que nunca a sociedade require da nosa axuda e por iso non podemos fallar", asegura.