Cornazo honra a memoria do gaiteiro Juan Barcala cunha escultura

O Salnés
08 de setembro 2024

Este sábado, 7 de setembro, a parroquia de Cornazo viviu unha xornada emotiva coa inauguración dunha escultura en homenaxe ao seu ilustre veciño, Juan Guillán Barcala, coñecido como "O gaiteiro de Cornazo", falecido en 2021

O alcalde Alberto Varela conversa con asistentes ao acto de homenaxe a Juan Barcala
O alcalde Alberto Varela conversa con asistentes ao acto de homenaxe a Juan Barcala / Concello de Vilagarcía de Arousa

Este sábado, 7 de setembro, a parroquia de Cornazo viviu unha xornada emotiva coa inauguración dunha escultura en homenaxe ao seu ilustre veciño, Juan Guillán Barcala, coñecido como "O gaiteiro de Cornazo".

O acto, que tivo lugar no centro sociocultural dos Borrizos, reuniu a numerosos veciños, familiares e amigos do músico falecido en 2021.

A peza escultórica, obra da Escola Provincial de Canteiros de Poio, foi descuberta nun acto que contou coa presenza do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, xunto con outros representantes municipais.

Tamén asistiron representantes das diversas formacións musicais e folclóricas nas que Barcala participou ao longo da súa vida.

Juan Barcala, amante e estudoso da música tradicional galega, deixou unha pegada imborrable no panorama musical da zona.

Formou parte de agrupacións tan recoñecidas como Mocidade da Torre e Os Demos da Petaca, contribuíndo significativamente á preservación e difusión do folclore galego.