Seres indóMITOs: Corina Porro

Pontevedra
20 de outubro 2024
Actualizado: 14:30

Guillermo M. Meijón-Corujo, Mito, entrevista a Corina Porro, quen foi alcaldesa de Vigo e presidenta do Consello Económico e Social de Galicia

Corina Porro
Corina Porro / / Guillermo M. Meijón-Corujo

Era un día triste e gris deses nos que a esperanza de ver algo parecido a un raio de sol é menor que a probabilidade de atopar aparcadoiro en Pontevedra, un deses nos que as emisoras de radio empezan as súas mañás avisando dunha alerta por temporal, deses nos que a auga e a melancolía alagan a partes iguais, cando a nosa protagonista cruzou a porta.

Coma se do comezo dunha película se tratase, un gran brillo case celestial apropiouse de todo o espazo e a primavera volveu a aquela cafetaría, en metade dunha tormenta, en pleno mes de outubro.

Non teño probas pero tampouco dúbidas de que quen creou aquilo de que "Hai tres xoves no ano que relumbran máis que o Sol: Xoves Santo, Corpus Christi e o Día da Ascensión" non era amigo da nosa protagonista de hoxe, porque quen coñeza a Corina sabe que calquera día do ano pode relucir máis que o Sol, simplemente hai que tela preto e gozar do brillo da luz propia que emana.

- Dime unha pregunta que non te guste que che fagan.

Son demasiado franca. Non hai malas preguntas, senón malas respostas. Aí está a habilidade de cada un para tourealas.

- Como te definirías?

Unha muller traballadora, optimista, alegre e os defectos... que os digan outros (risas).

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Estupenda. Vivo en Vilaboa polo que veño con frecuencia comprar ao mercado de abastos de aquí xa que ten moi bo produto. Ademais, úneme algo tan importante como o meu irmán Javier, que vive aquí.

- Onde te sitúas: xeración baby-boom, xeración X ou xeración millennial?

Son da xeración que son, baby-boom.

- Cales dirías que son as características desta xeración?

Como mulleres tocounos romper estereotipos. En Ferrol, onde pasei a miña adolescencia, no meu grupo había quen aspiraba só a casar, pero tamén quen queriamos formarnos e saír estudar fóra. A incorporación da muller ao mundo, en todos os termos, foi o gran cambio que a nosa xeración deu.

- A quen votaches nas túas primeiras eleccións?

A Alianza Popular.

- Sobre o teu paso pola política que che queda?

O que me queda é a xente. Vénseme á cabeza unha moza que sufría bullying. A nai veu ao meu despacho da alcaldía e eu intermediei para que a cambiasen de colexio. Anos despois apareceu aquela moza polo meu despacho co seu proxecto de final de carreira porque quería que eu o tivese. Ao principio non o entendía, ata que vin a primeira páxina: dedicáramo a min. Traballar para a xente é a finalidade que debería ter calquera político.

- Que consello lle darías ao teu eu dos 20 anos?

Pois igual lle daría algún para evitar certo erro, pero as consecuencias dese erro é o que máis quero na miña vida.

- Que é a amizade?

Saber querer en liberdade.

- Dime unha canción que te emocione.

Color Esperanza

- Escolliches esa mesma canción en 2021 cando te nomearon milagrosista do ano en Lugo, que te une a esa canción?

Foi a que se usou durante a campaña na que me presentei á alcaldía. Lémbrame a todo un equipo que loitou por min e por Vigo e tráeme bos recordos.

- Frío ou calor?

Calor.

- Que hai despois da vida?

Confío en que haxa luz.

- O último capricho que te deches?

Quedar coas miñas amigas para ir comer.

- Cando dixeches por última vez "quérote"?

Hoxe, a unha curmá miña.

- E, por último, a quen che gustaría ver nesta sección?

Ao meu irmán, Javier Porro.

Para Corina Pontevedra sabe a peixe e queixo, empeza a cheirar a mar, é de cor beixe e soa a cultura. Definitivamente, Corina Porro sente Pontevedra.

 

Corina Porro
Corina Porro  /  Guillermo M. Meijón-Corujo

O CUESTIONARIO

− Nunca saio de casa sen... o bolso cargado de primeiros auxilios.

− Na miña neveira sempre hai... queixo.

− No meu armario destacan... os distintos estilos.

− A idade é... o paso do tempo.

− Sempre fun o ollo dereito de... a miña avoa materna.

− Pontevedra ten alma de... alegría.

− Creo en... a xente.

− O ano que marcou a miña vida foi... probablemente ningún, non penso no pasado.

− O mellor agasallo que me poden facer é... mimos.

− O meu lugar no mundo é... a miña casa.

− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... calquera recuncho da ría.

− O meu momento favorito do día é... depende de con quen estea.

− Pontevedra é... acolledora.