Cores Tourís blíndase ante os afectados polas preferentes

Pontevedra
05 de marzo 2013

Un cento de persoas pertencentes ás plataformas de Pontevedra, Marín e O Salnés dirixíronse á sede da Xunta en Pontevedra para falar co delegado. Á porta estáballes esperando un cordón policial para impedir ese encontro. Os afectados concentráronse ás portas do edificio administrativo onde leron un comunicado no que esixían a Cores Tourís unha "rectificación e desculpas públicas" por esas manifestacións nas que "mostra un total desprezo cara aos afectados, tratándonos como apestados" ademais de "esgrimir ameazas sen fundamento algún"

Afectados polas preferentes na sede da Xunta
Afectados polas preferentes na sede da Xunta / PontevedraViva

Ata a pasada semana era un perfecto descoñecido para os afectados polas preferentes pero el mesmo encargouse de darse a coñecer cunhas polémicas declaracións nas que José Manuel Cores Tourís deixou ben claro que, como delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, non toleraría peches nas instalacións da Xunta.

"A min, se me pasa aquí, eu teño clarísimo que desaloxo a quen sexa. Aquí non queda pechado ninguén", dixo a pasada semana. Hoxe os afectados fixéronlle unha visita.

Un cento de persoas pertencentes ás plataformas de Pontevedra, Marín e O Salnés dirixíronse á sede da Xunta en Pontevedra para falar co delegado.

Á porta estáballes esperando un cordón policial para impedir ese encontro.

Os afectados concentráronse ás portas do edificio adminsitrativo onde leron un comunicado no que esixían a Cores Tourís unha "rectificación e desculpas públicas" por esas manifestacións nas que "mostra un total desprezo cara aos afectados, tratándonos como apestados" ademais de "esgrimir ameazas sen fundamento algún".

Os portavoces das Plataformas de Pontevedra-Marín e O Salnés, entraron custodiados ao interior do edificio onde presentaron no rexistro un escrito dirixido ao Delegado territorial. Aínda que intentaron acceder á novena planta para falar personalmente con José Manuel Cores, un responsable da Policía Autonómica impediulles o paso.

Algo similar ocorreulles a primeira hora da mañá en Deputación onde presentaron outra solicitude de entrevista, neste caso, dirixida ao presidente, Rafael Louzán.