A Praza de España será, un ano máis, escenario de acollida para corenta empresas que destacan pola súa innovación e creatividade en propostas comerciais dentro do marco do Pont-Up Store 2021.
Este martes presentábase a sétima edición deste evento no Teatro Principal coa participación de Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica; Tino Fernández, tenente de alcalde; Carlos López Font, deputado provincial de Economía; Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra e Pedro Figueroa, director deste encontro.
Unha das principais novidades este ano preséntase co espazo virtual dixital_ pontup, unha opción que permitirá acceder ás casetas a través do formato en liña e que, ademais, permanerá activo despois do sábado 25 cando conclúa a cita. A proposta desenvólvese grazas ao apoio da concellería de Promoción Económica cunha achega de 6.000 euros co obxectivo de que se fomente a visibilidade dos proxectos de persoas emprendedoras.
Ademais, esta edición destaca polo emprendemento feminino, xa que o 55% das entidades que participan están lideradas por mulleres. Tamén conta cun carácter sostible con case a totalidade das iniciativas aplicando estes criterios de maneira directa ou transversal. E por último, un 40% das iniciativas prodúcense en vilas e aldeas do rural, o que significa un crecemento da actividade emprendora fose das cidades.
Participarán corenta empresas galegas, doce delas novas: 35 presentarán as súas propostas con caseta, mentres que cinco desenvolverán actividades demostrativas na carpa. Nas propostas, segundo manifestaron os promotores do evento, obsérvase a audacia de moitas persoas creativas que decidiron poñer en marcha un proxecto a pesar da pandemia. Entre as opcións que se presentarán aparecen sistemas de carga de baterías, fórmulas intelixentes de xestión de aparcamentos urbanos, pero tamén hai oco para xeados e sobremesas artesanais con sabores renovadores ou propostas para restauración vegana e mobiliario educativo para escolares. Toda a programación pode consultarse nesta ligazón.
Durante esta edición, o uso da máscara será obrigatorio en todo o recinto da carpa e recoméndase a utilización de xel desinfectante á entrada e durante a visita, durante a que estará prohibido fumar. Non se poderán tocar os obxectos expostos, salvo que o permitan os seus promotes. Tamén se recomenda evitar aglomeracións e manter as distancias de seguridade.
Nesta ocasión, Pont-Up servirá tamén como espazo para a creación da Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store. Este colectivo terá un espírito colaborativo e apoiará os novos proxectos emprendedores.