Corea do Sur súmase á lista de premios a Pontevedra polo seu modelo urbano

Pontevedra
16 de setembro 2017

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lorez, viaxará á localidade coreana de Jeonju o próximo mes de novembro para recibir un dos galardóns dos World Slowness Forum and Slowness & Awards 2017 

O ex primeiro ministro francés, Jean-Pier de Raffarin, entrega un premio ao alcalde Fernández Lores
O ex primeiro ministro francés, Jean-Pier de Raffarin, entrega un premio ao alcalde Fernández Lores / Concello de Pontevedra

O modelo urbano de Pontevedra segue sumando recoñecementos a nivel nacional. O último, o que decidiu concederlle a localidade surcoreana de Jenjou dentro dos World Slowness Forum and Slowness & Awards 2017.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, viaxará a Jenjou para recibir o próximo 2 de novembro o galardón que distingue a "mobilidade para unha cidade mellor", en referencia ás boas prácticas en materia de calidade urbana.

Esta cita poñerá colofón a unha serie de invitacións a distintos foros de tranformación das cidades nas que participará representación da Boa Vila, que foi convidada a diferentes congresos en Valladolid, Granada, Madrid, Mérida, Tudela ou Barcelona.

A primeira destas participacións ten lugar este mesmo sábado 16 de setembro en Valladolid, onde a tenente de alcalde Carme da Silva toma parte como relatora na xornada titulada 'Vinte anos de cambios na mobilidade', que centrará o debate na calidade do aire e a mobilidade sustentable.

Ata novembro, data na que a delegación pontevedresa visitará Corea do Sur, a Boa Vila recibirá ademais delegacións chegadas desde Salamanca ou Cascais (Portugal) interesadas en coñecer a transformación experimentada nos últimos anos na capital provincial.