Córdoba aplaude o modelo de xestión de biorresiduos "absolutamente exportable" da Deputación

Pontevedra
30 de xaneiro 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente, César Mosquera, recibiron este mércores na sala de xuntas do pazo provincial a unha delegación do Concello de Córdoba e da súa empresa pública de xestión de residuos (SADECO) interesada en coñecer o Plan Revitaliza

Recepción á delegación do Concello de Córdoba interesada no Plan Revitaliza
Recepción á delegación do Concello de Córdoba interesada no Plan Revitaliza / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente, César Mosquera, recibiron este mércores na sala de xuntas do pazo provincial a unha delegación do Concello de Córdoba e da súa empresa pública de xestión de residuos (SADECO) interesada en coñecer o Plan Revitaliza.

Carmela Silva indicou que "este proxecto é moi ambicioso e estou moi satisfeita" por poder establecer relacións con outras administracións en canto ao modelo de xestión de biorresiduos. O Plan Revitaliza sumou a adhesión de máis de 40 concellos da provincia en tres anos. "É case un milagre e requeriu moito traballo", valorou Silva.

A presidenta provincial insistiu en que o Plan Revitalia "é un éxito" ao demostrar que hai outra forma de tratar os biorresiduos. "Estamos aquí para transformar e cambiar a realidade", dixo.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera explicou que "se o noso proxecto de compostaxe non comezou antes foi por non haber suficientes experiencias, pero en canto as houbo tomamos as rendas". Neste senso, afirmou que no goberno provincial están abertos a todo tipo de colaboración co Concello de Córdoba "e agardo ter a oportunidade dun intercambio".

Javier Quijada, xerente da empresa municipal de saneamentos de Córdoba, Sadeco, aplaudiu a "valentía" do goberno provincial pontevedrés e asegurou que o modelo de compostaxe da Deputación de Pontevedra "es absolutamente exportable" e mesmo comentou que "ver composteros en medio de las calles es algo que emociona".

Este voceiro da delegación cordobesa falou do Plan Revitaliza coma unha "referencia estatal" na xestión dos biorresiduos a través da compostaxe, que permite a cada familia enviar un 55% menos de dióxodo de carbono á atmosfera.

César Mosquera respondeu que en Córdoba teñen a vantaxe de contar con persoal experto en biorresiduos, "no que nós estamos practicamente desertos", e descatou que "o coñecemento ten un gran valor xa que evita erros e despilfarros".

O vicepresidente referíuse a esta cidade andaluza como "moi especial" porque "é unha cidade da que aprendemos moito e está desde hai anos na liña de poder cumprir os obxectivos de biorresiduos" ainda que lamentou que "non teñen gran experiencia en compostaxe in situ, na que temos máis avance" engadindo "que poidades vir e que aprendades de nós é unha honra".

Finalmente, Carmela Silva concluíu que dende o goberno da Deputación de Pontevedra "queremos que esta idea chegue a moitos máis territorios porque saber copiar, poder implantar proxectos doutras administracións facéndoos propios, é un signo de intelixencia".