Poio por fin goza do seu Entroido e faino da mellor maneira. As comparsas puxeron a cor, a música, o baile e a animación e os máis festeiros gozaron durante horas.
Celebrouse a primeira Pasarela de Entroido de Poio, que o Concello organizou na Seca e alongouse ata ben entrada a noite da man da discoteca móbil Dolce Vita. Pero antes, As Sonecas, 100Tolos, Os Canecos, Grupo de Entroido de Samieira, Politicamente Incorrectos, Os da Caña, Miúdos, Cor Café e Os Paparrulos exhibiron unha a unha as súas creacións, sons e bailes ante o público.
O xurado, composto por profesionais locais de diferentes eidos, fixeron mencións especiais á orixinalidade, que entregaron aos Paparrulos; vestiario, Cor Café; imaxe, para Os Canecos; animación, Os da Caña; coreografía, Grupo de Entroido de Samieira; interpretación musical, para os 100Tolos e máis elaborado, As Sonecas. Antes, os máis pequenos gozaron da festa familiar de entroido, coa animación de Barafunda.
O Entroido continúa este domingo co Desfile de Entroido, que sae este sábado ás 12:00 horas desde a Biblioteca Municipal e remata na Praza da Granxa, en Campelo. Alí será o fin de festa matinal con animación musical e entrega de premios aos mellores disfraces. Os participantes en categorías infantil e por parellas poden anotarse o propio día, na contorna da biblioteca, entre as 9.30 e as 11.00 horas.
Con motivo do desfile, o tráfico estará pechado ao tráfico no tramo entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa entre as 10.30 e as 15.00 horas. Quedarán cortados os accesos desde a PO-308 cara rúa Castelo, que se desviará cara o Camiño Real do Casal e só poderán acceder cara Campelo os participantes. Tamén haberá corte de rúa desde o Porto de Campelo cara a Rúa Padre Avelino e en Pedro Soto Couselo desde Camiño Zapateiro cara a Praza da Granxa.
Ademais, queda prohibido estacionar en todo o percorrido. Con todo, a véspera ao desfile quedará colocada a sinalización de restrición no percorrido. Tanto os residentes como visitantes poderán acceder pola rúa Anafáns ou por Lourido ata os estacionamentos disuasorios.