"Cor, diversión, arte e troula" no programa do Entroido de Marín

Marín
22 de xaneiro 2024

A festa comeza o venres, cos Cantos de Taberna, e seguirase esa fin de semana cos desfiles infantil e de adultos. Xa están as bases dos mesmos publicadas na web municipal

Desfile do Entroido 2023 en Marín
Desfile do Entroido 2023 en Marín / PontevedraViva

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, desvelou este luns a programación do Entroido marinense, unha festa "que chegará coma sempre aos distintos puntos do municipio chea de cor, diversión, arte e moita troula".

Unha das pezas clave do Entroido marinense será o Enterro da Sardiña, que se quere seguir achegando ás novas xeracións. Para iso, o Ateneo Santa Cecilia e o Concello organizan charlas informativas sobre esta tradición nos centros educativos, nos que tamén se colocará un velorio que recrea o que se pon na rúa o Mércores de Cinza.

O venres, 9 de febreiro, ás 21.00 horas, arranca cos Cantos de Taberna polos bares de Marín, coa colaboración dos Saljariteiros.

E o sábado, 10 de febreiro, será o día do Desfile Infantil. As inscricións realizaranse ás 16.00 horas no Palco da Música da Alameda para bota andar coa comitiva ás 16.30 horas. O traxecto comprenderá as rúas Alameda, Real, Praza do Reloxo, Sol, Concepción Arenal e Parque Eguren, onde haberá unha festa infantil ata as 19.00 horas con animación, musica, obradoiros e filloas de balde.

O domingo, 11 de febreiro, ás 12.30 horas animación de Entroido polas rúas de Marín para quentar motores de cara ao Gran Desfile de Adultos da tarde. Ás 16.00 horas, convocarase a todos os participantes na Praza do Regueiro e ás 17.00 horas arrancará o desfile, que pasará pola Avenida de Ourense, a Praza de España, a Rúa Jaime Janer e Concepción Arenal, rematando no parque Eguren coa entrega de premios.

O luns, 12 de febreiro, tocará o primeiro velorio da sardiña, que será colocada diante do Concello por parte do Ateneo Santa Cecilia. Ás 12.00 horas, a Lameiriña acollerá a súa tradicional Festa do Merengue, organizada en colaboración coa Asociación Amigos dos Rapaces e na que participará Pousos da Area. Ás 17.00 horas, seguirá a marcha na Lameiriña coa festa infantil de animación Dolcevita. E para os afeccionados aos xogos de mesa, de 17.00 a 21.00 horas o Museo Municipal Manuel Torres acollerá unha nova edición das Ludoxornadas.

O martes de Entroido, 13 de febreiro, volven as Ludoxornadas no mesmo horario ca onte e ás 18.00 horas haberá obradoiros e xogos infantís na Alameda, con chocolate de balde. Ás 20.00 horas, entregaranse os Premios do Concurso de Orellas e Filloas no local do Ateneo.

Chegado o Mércores de Cinza, toca despedir o Entroido marinense. Ás 17.00 horas, será o velorio do Enterro da Sardiña no Palco da Música e ás 20.00 horas será o Enterro, coa saída da Alameda e percorrido por Jaime Janer, Busto de Abaixo, Doutor Touriño, Rúa do Sol ata a Praza do Reloxo, onde terá lugar o pregón. Ao rematar, haberá saída pola Rúa Real, Almuíña, Praza de España e despedida ao mar.

SEIXO, BOLO DO POTE E SAN XULIÁN

Pasada a semana grande do Entroido, segue habendo citas importantes no calendario. O Entroido de Seixo celebrarase o 17 de febreiro, coa animación da Charanga Noroeste ás 16.30 horas e con desfile ás 17.00 horas, no que será de novo protagonista a Burra Chirica. Irá dende San Blas ata a Alameda e haberá lambonadas para a rapazada, rematando con sesión de música-baile, organizada en colaboración co Grupo Ronsel.

Unhas semanas despois, o 10 de marzo, si que será o pistoletazo final, con varias actividades. Por unha banda, a tradicional Andaina de Montes e Praias en favor da AECC de Marín e a celebración ás 12.00 horas da Festa do Bolo do Pote, a cargo de Pousos de Area, na Alameda Rosalía de Castro (trasladable ao Multiusos en caso de chuvia). A xornada seguirá pola tarde, a partir das 17.00 horas, co Desfile de San Xulián, organizado pola Comparsa Os da Caña.

Arquivado en