Cooperativas nas mans dos nenos

Pontevedra
30 de maio 2017

Cun mercado na rúa, posto en marcha e xestionado por uns 400 rapaces. Así foi a clausura do programa educativo MercaEmprende, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Todos eles venderon os seus propios produtos nunha carpa habilitada na Alameda

Mercado na rúa, dentro do proxecto Depoemprende na Escola
Mercado na rúa, dentro do proxecto Depoemprende na Escola / Mónica Patxot

Cun mercado na rúa, posto en marcha e xestionado por uns 400 rapaces. Así foi a clausura do programa educativo MercaEmprende, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Todos eles venderon os seus propios produtos nunha carpa habilitada na Alameda.

Os nenos, procedentes de nove colexios da provincia, aprenderon ao longo do curso a crear e xestionar as súas propias cooperativas nas que, ademais, fabricaron os seus produtos que máis tarde venderon en mercados ou feiras da súa localidade, excepto os dous centros pontevedreses que participaban este martes por primeira vez nun mercado.

Cada colexio contou cos seus propios stands de cartón, que foron decorados e adaptados polos nenos e nenas, nos que promocionaron as súas cooperativas e puxeron á venda todo tipo de artigos artesanais como bixutería, elementos de decoración feitos a man, camisetas, perfumes, libretas ou produtos ecolóxicos.

Os cartos que obtiveron ao longo do ano coas ventas das súas cooperativas destinaranse a diferentes proxectos e causas, abundando as propostas solidarias e educativas, como doalo a protectoras de animais, ONGs, ou incluso investilo na excursión de fin de curso da escola.

Especial mención merece a decisión dos alumnos do CEIP Laredo de Redondela, que segundo explicaron durante a entrega de diplomas, doarán todo o recadado á reconstrución da vivenda dun dos seus compañeiros de aulas, fillo da muller asasinada hai uns meses en Chapela a mans do seu home, quen provocou unha explosión na casa familiar coa intención de matala.

Ademais do mercado, organizáronse outras dúas actividades paralelas, un evento de coworking e o visionado dun vídeo con imaxes das actividades e eventos realizados dentro do DepoEmprende na Escola ao longo deste ano, nos que os propios nenos puideron ver o impacto nos medios de comunicación dos seus proxectos e como se desenvolveron os mercados locais dos seus compañeiros e compañeiras doutros centros. 

Ao final do evento todos os nenos e nenas foron obsequiados cunha pequena merenda composta por froita e zumes e os representantes de cada cooperativa recibiron os seus diplomas.

Nesta edición do DepoEmprende na Escola participaron o CEIP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados, o CEIP Barcelos de Pontevedra, o CEE Príncipe Felipe de Pontevedra, o CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa, o CEIP Xulia Becerra en Ribadumia, o CEIP Laredo en Redondela, o CEIP A Rúa en Cangas, o CEIP Frián-Teis en Vigo e o CEIP Plurilingüe nº 1 de Tui.