Dúas mulleres encabezan as candidaturas que o PP presenta por Pontevedra nas eleccións do 23 de xullo: Ana Pastor, á fronte da lista para o Congreso; e Pepa Pardo, na do Senado. Ambas, xunto ao resto dos seus compañeiros, acudiron este sábado á Praza da Peregrina.
Alí, sobre unha tarima azul, fixéronse a foto de familia dunha candidatura que, segundo o presidente provincial do partido, Luís López, "representa a toda unha provincia" e que "reclamará e defenderá en Madrid" os intereses de todos os pontevedreses.
López apelou á traxectoria, á experiencia e ao "sentidiño" de Ana Pastor, xunto coa súa capacidade de traballo e o seu "incuestionable" compromiso coa provincia como "aval" para impulsar a Núñez Feijóo cara á Moncloa, "un presidente que estará á altura dos galegos".
Pastor, que tomou a palabra en nome de todo o equipo que lle acompaña nesta candidatura, defendeu que o PP pedirá o voto nesta campaña para un galego "que nos va a representar mejor que nadie" e ao que "no hace falta explicarle" os problemas de Galicia.
Asegurou afrontar esta campaña "con la ilusión de quien sale a ganar este partido y de quien sabe que España necesita un cambio que solo es posible de la mano de Alberto Núñez Feijóo".
A este respecto, contrapuxo o "sanchismo" e o que denominou como "gobierno Frankenstein" ao proxecto que presenta o PP e que, segundo a candidata popular, "está basado en los problemas reales de la gente y que ofrece soluciones y medidas específicas".
Na presentación das candidaturas do PP ao Congreso e ao Senado por Pontevedra participou tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que destacou que todos eles "trasladarán a España as necesidades e o sentir de Galicia".
"Constitúe o primeiro paso para poñer fin a ese sanchismo que tanto dano lle ten feito a Galicia”, engadiu Prado, que celebrou que "quedan pouco máis de 20 días para que o sanchismo sexa cousa do pasado e poidamos ter a un presidente galego que defenda a Galicia en Madrid".
Sobre o acto que o PP organizará o próximo 9 de xullo na praza de touros de Pontevedra, a dirixente popular confía en que sexa o pistoletazo de saída a unha campaña na que Galicia "demostrará a Feijóo que estamos co el e que o votaremos masivamente para que exporte a España as políticas que fixo en Galicia".