A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés colabora co Concello de Sanxenxo para organizar un novo cribado destinado a persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos ao detectar unha importante escalada de casos positivos neste tramo de idade, ao tratarse da poboación cun menor índice de vacinación.
A convocatoria realízase para o xoves 22 e para o venres 23 en horario de 09.00 a 20.30 horas na Sala Nauta. Aquelas persoas interesadas en someterse ao cribado deben de anotarse canto antes e, como máximo, ata 24 horas antes, nesta ligazón do Sergas.
Desde o Concello de Sanxenxo solicítase "encarecidamente a veciños e visitantes" pertencentes a este tramo de idade, que non fosen vacinados, a utilizar esta nova opción de cribado para coñecer a situación deste núcleo de poboación e actuar para non prexudicar tanto a outras persoas como aos propios afectados.
Durante a semana pasada, o Sergas citaba a 1.500 veciños no Centro de Saúde de Baltar para realizar esta proba. Presentábanse 756, unha cifra que o Concello considera "insuficiente". Detectáronse 38 casos positivos e todos eles asintomáticos.