A Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra ven de convocar unha xuntanza da Mesa Xeral de Negociación para o luns 28 de marzo ás 12:00 horas no edificio municipal de Churruchaos.
Para esta reunión, a representación legal dos traballadores do Concello de Pontevedra (CSIF, UGT, CCOO, AFUMPO e SPPME) e o delegado de persoal da CIG presentaron unha serie de asuntos para conformar a orde do día no que, como primeiro punto, inclúe a aprobación do regulamento das mesas de negociación, cuxa proposta xa foi remitida ao Goberno Local.
En segundo lugar figura a "Prevención de relacións laborais", a negociación e aplicación das medidas establecidas polos distintos informes da Inspección de Traballo e informes de prevención.
Tamén levan á reunión o Regulamento de teletraballo e o Plan de igualdade para o persoal do Concello de Pontevedra.
O último punto, é a actualización e aplicación do acordo da Relación de Postos de Traballo aprobado en Mesa Xeral de Negociación no ano 2019 e que, tal e como sinalan os convocantes foi "aprazado polo Goberno, ao igual que si foi posible modificalo nos aspectos que lle interesaran ao Goberno co persoal de Policía, Bombeiros e Cemiterios".
A Xunta de Persoal propón esta convocatoria que "entenderemos declinada si non se contesta antes do día 25 de marzo".