A Plataforma Ence Fóra da Ría fixo un chamamento para que a cidadanía participe na marcha contra a pasteira de Lourizán, convocada para o vindeiro sábado 4 de xuño.
Esta iniciativa asume a habitual mobilización que organiza a Asociación pola Defensa da Ría (APDR), e repite o mesmo esquema baixo o nome xenérico de "Móvete pola ría" nunha manifestación que sairá desde as Alamedas de Marín e Pontevedra, ás 19,30 horas, ata a fábrica de celulosa.
Ademais de pedir o peche do complexo industrial de Ence, a mobilización tamén leva como lemas "Polo saneamento integral da ría" e "Non á eucaliptización".
Segundo explicou en rolda de prensa o presidente da Federación de asociacións de veciños Castelao, Juan Loureiro, a situación da ría de Pontevedra no que á contaminación se refire, "é certamente preocupante". Neste sentido lembrou que a "vocación" da ría é a da "explotación racional dos recursos marisqueiros, da pesca de baixura e do turismo", unha fonte de riqueza que tería que se sustentable no tempo "e para a que é absolutamente indispensable acadar uns niveis de calidade das augas que hoxe, por desgraza e por moi diversos motivos, non se está a conseguir".
Neste sentido, o presidente da APDR, Antón Masa, engadiu que son moitas as fontes de contaminación que provocan esta situación, de forma particular a falta dunha depuración axeitada das augas residuais de orixe doméstica "e a presenza do complexo Ence-Elnosa", sendo estes dous factores os "responsables dunha forte carga de materia orgánica e bacterias coliformes fecais".
Desde a plataforma valoraron como "fundamental" que se avance no proceso de eliminar todas as verteduras, completar de forma definitiva a separación de augas fecais e pluviais, asegurar os niveis de depuración que permitan alcanzar as esixencias de calidade das augas de cultivos mariños e de baño. E por outra banda, aseguran que a recente concesión por parte do goberno en funcións dunha prórroga de 60 anos á empresa Ence na ría, "supón un duro golpe ás posibilidades de saneamento da Ría e a hipoteca do futuro da comarca".
Convencidos de que mentres a prórroga da concesión non sexa unha decisión firme, "existen posibilidades de revogala", tanto pola vía administrativa e xudicial, poñen o acento na mobilización social, como "unha vía tamén fundamental para conseguir que o saneamento integral da ría chegue a bo porto".
E neste sentido, a Plataforma Ence Fóra da Ría para sempre insistiu no seu chamamento para que a cidadanía da comarca participe nesta mobilización do 4 de xuño.