Convocan unha manifestación en Ponte Caldelas contra o "expolio" do río Verdugo

Ponte Caldelas
29 de novembro 2017
Actualizado: 20:02

Ponte Caldelas perdeu a paciencia. Segundo o goberno local, Augas de Galicia non tivo a "mínima cortesía" de dirixirse a eles para informar do pretendido trasvase de auga do río Verdugo ao encoro de Eiras, que abastece á área metropolitana de Vigo. O PP lamenta estas "disputas insolidarias"

Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas / Mónica Patxot

Ponte Caldelas perdeu a paciencia. Segundo o goberno local, Augas de Galicia non tivo a "mínima cortesía" de dirixirse a eles para informar do pretendido trasvase de auga do río Verdugo ao encoro de Eiras, que abastece á área metropolitana de Vigo. Esta indignación provocou a convocatoria dunha manifestación para este domingo 3 de decembro.

A marcha partirá ás 12.00 horas da Alameda para rematar na praia fluvial da Calzada, despois de percorrer todo o paseo Cordo Boullosa pola beira do río. O Concello fai un chamamento á participación dos veciños para protestar contra o "expolio" do Verdugo e para denunciar que o "saqueo" dos recursos naturais da vila "debe cesar".

O goberno local lamenta que a Xunta teña ignorado as "continuas chamadas de atención" dos últimos días, ante un trasvase que parece ser inminente.

A manifestación estará encabezada por unha pancarta co lema "Non ao expolio do río Verdugo. Trasvase non, Natureza si" e xa foi comunicada ante a Subdelegación de Goberno.

O alcalde, Andrés Díaz, subliña que moitos pobos e lugares de Ponte Caldelas levan dende o mes de agosto con restricións de auga por mor da seca, unha situación que se agravou coa vaga de lumes que o municipio padeceu o pasado mes.

"A nós resúltanos incomprensible que Augas de Galicia se despreocupe da falta de auga en todo o rural galego, e mesmo poña incontables pegas para mellorar as captacións dos veciños, e se dea tanta présa para pinchar o río Verdugo e quitarlle un terzo do seu caudal, nunha salvaxada medioambiental que non estamos dispostos a permitir", denuncia Díaz.

A manifestación "non é contra ninguén", senón en defensa do medio ambiente, da natureza e do río Verdugo, recalca o  equipo de goberno de Ponte Caldelas. "O río xa sufriu agresións no pasado coa construción de encoros para centrais hidroeléctricas que hoxe sería posible facer, polo que parécenos unha auténtica aberración o que se pretende facer agora", di o alcalde.

Ponte Caldelas "como concello solidario que é", engade o rexedor, está disposto a falar dun trasvase puntual, sen estruturas permanentes e situada augas abaixo da central de Laforet, pero nunca da colocación de macrotubaxes de carácter permanente para trasvasar "a demanda".

O primeiro edil caldelán lembra que Ponte Caldelas xa sufriu no final do franquismo a construción do encoro de Eiras, que "seca" durante boa parte do ano o río Oitavén, a outra gran arteria que rega o municipio, así que "agora non imos consentir en plena democracia que fagan o mesmo co Verdugo pasando por enriba deste concello".

O goberno local, que presentará este asunto no pleno de mañá xoves, quere lograr a adhesión de todo tipo de colectivos medioambientais, sociais e cidadáns galegos "nunha batalla que é para preservar o pouco que nos queda dunha paraxe natural espectacular".

O PP LAMENTA AS "DISPUTAS INSOLIDARIAS" NO PSOE

Ao fío desta convocatoria, o PPdeG solicitou aos socialistas galegos que arranxen as "disputas insolidarias" que hai no seu partido polo reparto de auga. Esta manifestación é, para os populares, unha "grave falta de sensibilidade" ante as necesidades que ten a poboación da área de Vigo e unha "falta de compañeirismo evidente" entre rexedores e compañeiros do PSdeG-PSOE.

A Xunta de Galicia, sinalan desde o PP, "non vai escatimar esforzos" para axudar aos concellos afectados pola seca e poder afrontar estes momentos de escaseza, pero "sería positivo que o habitual localismo que está inmerso na xenética dos socialistas en Galicia non lastre o labor que os poderes públicos deberían desenvolver de xeito coordinado e inmediato".

Apuntan que o alcalde de Ponte Caldelas "non fixo alegacións ás propostas pactadas ata a data de hoxe e nin sequera se dignou a acudir ás reunións de coordinación que tiveron lugar nos últimos días, semana e meses". Polo tanto, a súa proposta é a de "non é non" tan habitual neste "novo PSOE", conclúen.