Convocan unha folga no parque de maquinaria da Deputación

Pontevedra
05 de abril 2016

Desde Comisións Obreiras denuncian que o goberno provincial está a tomar toda unha serie de decisións encamiñadas a reunir todos os datos que "xustifiquen" a privatización deste servizo, como a modificación dos horarios dos condutores ou a negativa para vender aglomerado aos concellos

Instalacións do Parque de Maquinaria na Xunqueira de Alba
Instalacións do Parque de Maquinaria na Xunqueira de Alba / PontevedraViva

Os traballadores do parque de maquinaria e as brigadas da Deputación de Pontevedra convocaron varias xornadas de folga ante os plans que, ao seu xuízo, ten o goberno provincial para privatizar este servizo.

Nunha rolda de prensa celebrada este martes, o secretario da Sección Sindical de Comisións Obreiras na Deputación, José Ramón Piñeiro, e o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, denunciaron que cos prazos de caducidade da concesión da Lei de Costas para os terreos que ocupa as instalacións do parque na Xunqueira de Alba "non é posible facer un novo parque e que estea rematado antes da data".

Neste sentido, Piñeiro acusou á presidenta da Administración provincial, Carmela Silva, de "mentir con coñecemento de causa" cando asegura que se construirá un novo parque dentro do prazo fixado. Polos trámites, a redacción do proxecto, os tempos, a contratación e a propia construción, cren que "non é posible a non ser que vaian facer un galpón para ter gardados os camións e as máquinas".

Desde Comisións Obreiras denuncian que o goberno provincial está a tomar toda unha serie de decisións encamiñadas a reunir todos os datos que "xustifiquen" a privatización deste servizo, como a modificación dos horarios dos condutores ou a negativa para vender aglomerado aos concellos.

O cento de traballadores de conforman o parque e as brigadas da Deputación secundarán un paro todos os venres de 12 a 15 horas, concentrándose ante a fachada principal do Pazo provincial.

En todo caso Comisións Obreiras tende a man ao goberno provincial "porque se se quere reconducir isto estamos a tempo".

Arquivado en