O xoves 15 de xullo ás 20.00 horas hai convocada unha concentración no lugar de A Chan, en Carballedo, para manifestar o rexeitamento da poboación ao peche da sucursal de Abanca en Carballedo, en Cerdedo-Cotobade.
O BNG de Cerdedo-Cotobade amosou este martes o seu apoio á concentración e o "rexeitamento frontal" á decisión tomada por Abanca con este peche. Consideran que é "un ataque directo ao rural e á súa veciñanza".
Os nacionalistas tamén denuncian o "xogo dobre" do alcalde, Jorge Cubela, pois "por un lado postúlase en contra do peche máis non ten feito unha condena pública contra o PP e contra Feijóo ao seren os verdadeiros responsables do que está a pasar coa banca en Galicia, particularmente en Cerdedo-Cotobade".
O voceiro do BNG, Ernesto Figueira, fala de "dobre moralidade" do PP "capitalizando unha loita cando son os responsables únicos de teren malvendido as caixas galegas e teren acabado coa parte máis social do sistema bancario que tiña este país, as malas artes do PP págaas agora a veciñanza de Cerdedo-Cotobade".
Filgueira lembra que en meses pasados o BNG xa denunciara as actitudes abusivas de Abanca á veciñanza cobrando comisións desproporcionadas e indiscriminadas e denuncia que agora, de novo, asesta "un golpe ao dereito de contarmos con servizos que faciliten a vida no noso concello de ámbito rural".
O BNG tamén insta ao alcalde a que non dilate o proceso de cambio das contas municipais e leve estas a unha entidade que desenvolva unha banca ética, social comprometida coa sociedade e clientes.