O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de A Illa de Arousa, Manuel Vázquez, asinaron este xoves un convenio, por valor de 22.000 euros, para convocar un concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do edificio de usos náutico-deportivos de A Illa de Arousa. O concurso terá un primeiro premio de 12.000 euros e dous accésits de 5.000 euros cada un.
A finalidade do concurso será deseñar unha edificación que dea resposta ás necesidades que en materia náutico-deportiva ten o concello de a Illa de Arousa.
Deberá atender tanto ás necesidades das dúas entidades que en principio van facer uso del -o Club de Piragüismo e a Asociación de Dornas a Vela- como ao contorno específico no que se vai situar: a zona de O Bao, nunha parcela de perto de 4.000 metros cadrados na mesma entrada de A Illa.
Rafael Louzán destacou que este convenio "é un paso máis para que, dunha vez, a Illa de Arousa poida contar cunhas instalacións náutico-deportivas dignas e que respondan ás necesidades de dous clubs de gran relevancia neste concello, como é o Club de Piragüismo e a Asociación de Dornas a Vela ".