Convocan a primeira edición dos Premios Sociais da Deputación

Pontevedra
11 de outubro 2024
Actualizado: 13:31

Estes galardóns teñen como obxectivo pór en valor o traballo realizado na provincia a favor dos dereitos humanos e dos colectivos máis vulnerables

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca a primeira edición dos seus Premios Sociais.

Segundo anunciou este venres o presidente da administración provincial, Luís López, estes galardóns teñen como obxectivo pór en valor o traballo realizado na provincia a favor dos dereitos humanos e dos colectivos máis vulnerables.

Entregarase un premio para recoñecer toda unha vida profesional no ámbito social, dotado con 3.000 euros.

Tamén haberá un premio destinado a unha entidade de iniciativa social pola súa traxectoria, con 6.000 euros.

E, finalmente, haberá un premio ao mellor proxecto e iniciativa polo seu impacto social, tamén con 6.000 euros de dotación.

Luís López destacou que "temos a sorte de vivir nun territorio moi solidario, moi implicado, moi preocupado", e que traballa a diario por "converter esta provincia nun lugar mellor" e por iso, o goberno provincial entende que este compromiso social "merece un recoñecemento público".

Estes premios pretenden destacar a importancia do traballo conxunto entre o sector público-privado e a sociedade civil na procura dun "mundo mellor" e, por outra, servir como "plataforma para crear conciencia" sobre as necesidades e os desafíos cos que se enfrontan diversas comunidades.

A Deputación espera publicar as bases desta convocatoria durante a próxima semana.

Luís López informou nunha rolda de prensa destes premios e dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Provincial celebrada este venres, na que se aprobou a programación do circuíto cultural +Escénicas.

Tamén se deu luz verde á repartición de 290.000 euros para que entidades sen fins de lucro realicen as súas actividades culturais. Concretamente, son 250.000 euros para 188 asociacións de 43 concellos para organizar actividades destinadas a pór en valor o patrimonio inmaterial pontevedrés e 40.000 euros para 40 asociacións de 19 concellos para participar en eventos fóra de Galicia e pór en valor o noso patrimonio musical e cultural.

O goberno provincial tamén informou de que esgotou a Liña 1 do Plan +Provincia coa aprobación de 290.000 euros para investimentos no concello de Nigrán.