Convocan para este sábado unha concentración na Peregrina en defensa da sanidade pública

Pontevedra
16 de outubro 2020

Os sindicatos CGT, CO.BAS, Modepen e Prosagap esixen a defensa do sistema nacional de saúde fronte ás políticas de privatización e o cesamento do equipo completo da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

Os sindicatos CGT, CO.BAS, Modepen e Prosagap convocan unha concentración en defensa da sanidade pública
Os sindicatos CGT, CO.BAS, Modepen e Prosagap convocan unha concentración en defensa da sanidade pública / PontevedraViva

Os sindicatos CGT, CO.BAS, Modepen e Prosagap convocan este sábado, ás 12 horas, unha concentración na praza da Peregrina en defensa da sanidade pública. 

Coincidindo con mobilizacións en diferentes cidades do país, os motivos que levaron a esta actuación son o novo colapso do sistema sanitario despés de seis meses da declaración do estado de alarma que, temen os convocantes, conducirá a "mortes evitables que padecerán máis a clase traballadora e os sectores excluídos".

Durante a presentación da convocatoria, que tivo lugar este xoves no salón de actos do edificio sindical de Pontevedra, os represtantes das catro formacións explicaron que o obxectivo é defender o sistema nacional de saúde fronte ás políticas de deterioración e privatización dos gobernos.

Así mesmo esixen o cesamento do equipo completo da xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés aos que responsabilizan de non respectar os dereitos dos profesionais, non garantir a protección dos traballadores nin dispoñer de instalacións seguras para ofrecer unha atención de calidade a todos os pacientes.

Por iso, durante a concentración pedirán a derrogación da Lei 15/97 e do artigo 90 da Lei Xeral de Sanidade para evitar a privatización do servizo, poñer solución á precariedade laboral e a un sistema de contratación "fraudulento", aumentar os persoais e servizos sanitarios, xestionar a sanidade con creiterios sanitarios e non mercantís, reforzar a atención primaria e un coidado de calidade para os maiores internados en residencias.

O portavoz de CO. BAS, Rafa Vázquez, mostrou tamén o seu malestar ante a inacción dos grandes sindicatos nacionais aos que acusan de manterse en silencio ante o deficiente funcionamento da sanidade pública e ante as decisións dos gobernos. Así mesmo, os convocantes defenderon a conveniencia de reducir as visitas aos hospitais, pero lamentan que o abuso da atención telefónica e a sobrecarga de traballo da atención primaria.