Convocan os traballadores do Concello a concentrarse na cea pre-campaña de Lores no Recinto Feiral

Pontevedra
16 de marzo 2023

A xunta de persoal organiza esta concentración para este venres 17 ás 20.30 horas na entrada ao Recinto como mostra dun conflito laboral que consideran o máis longo na historia de Galicia. Este xoves alertaron de que el Concello de Pontevedra debe máis de 200.000 euros de retribución fixa e periódica ao persoal, recoñecidos xudicialmente

Representantes da xunta de persoal do Concello
Representantes da xunta de persoal do Concello / Mónica Patxot
Conflito laboral no Concello de Pontevedra /

A xunta de persoal do Concello de Pontevedra convoca os traballadores municipais a concentrarse este venres 17 ás portas do Recinto Feiral onde está previsto que o BNG organice unha cea de precampaña electoral coa presenza de Ana Pontón e de Miguel Anxo Fernández Lores nun acto ao que acudirán ao redor de 2.000 persoas.

Con esta acción, os representantes sindicais queren mostrar o seu malestar co goberno local ao entender que están a sufrir un dos conflitos laborais máis longos na historia de Galicia. Este xoves acusaron o equipo de Fernández Lores de deber máis de 200.000 euros a policías municipais e xefes de servizo, diñeiro recoñecido a través de sentenzas xudiciais en concepto de "retribución fixa e periódica a este persoal, independentemente de ausencias retribuídas", segundo manifestaron.

Alertan, ademais, de que o persoal se ve obrigado a acudir aos tribunais para reclamar estas retribucións co que a cantidade irá aumentando, segundo os cálculos realizados pola xunta de persoal, a máis de 400.000 euros.

Sinalan que o conflito se iniciou en 2007 cun sistema "irregular" de retribucións establecido polo Concello que en 2018 foi rexeitada polos órganos xudiciais que ditaminaron a obrigación de aplicar un sistema retributivo ordinario en relación cos postos de traballo, decisión ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. As organizacións sindicais pediron ao goberno local nese ano que se aplicase, pero non foi así. A partir dese momento comezou unha continua demanda xudicial por parte dos traballadores da Policía Local, tras unha nova sentenza do Tribunal Supremo para que se aplicase esta doutrina en relación con estas retribucións.

Desde ese momento, segundo manifestou Héctor Santaló, portavoz da xunta de persoal, as sentenzas foron sempre favorables aos traballadores. Indican que o persoal de cemiterios, servizos de deportes e o de brigadas se atopa na mesma situación. Ata o momento as demandas xudiciais foron presentadas polos servizos de bombeiros, policía e cemiterios.

Acusan o goberno local de manter un "modus operandi" consistente en cometer algún tipo de abuso salarial ou de conciliación para obrigar ao traballador para acudir aos tribunais provocando saturación nos servizos xurídicos municipais e nos tribunais para que se recoñezan os seus dereitos que "non se están a cumprir nin a respectarse". A isto suman que se produce unha "demora inxustificada" no cumprimento das sentenzas indenmizatorias, segundo explicou Santaló, que advirte do gasto que esta actitude produce nas arcas públicas.

Antonio Millares, representante de CCOO na xunta de persoal, calcula que ao redor de 30 sentenzas están por executar por unha cantidade superior aos 200.000 euros e máis de cincuenta policías municipais permanecen á espera de que se lles aplique esta retribución e, do contrario, acudirán ao xulgado. 

Piden que o Concello asuma de inmediato as sentenzas; que pague a todo o persoal con catro anos de atrasos, como recollen as resolucións, e eviten que o persoal se vexa obrigado a acudir aos tribunais para reclamar ese diñeiro. Afirman que os xulgados está a dar a razón sempre ao persoal e "aquí non pasa absolutamente nada. É a única administración na que os conflitos laborais son inexistentes. Parece que os culpables somos os traballadores e traballadoras deste Concello. Parece que o Concello da ponte da Barca cara adiante di unha cousa, pero cos seus traballadores e os sindicatos do Concello parece que non existen. E xa está ben", afirmou Millares amparándose nos seis sindicatos que reclaman a execución das sentenzas. En caso contrario, advirten, estudarán a posibilidade de acudir á vía penal.