Convocan aos colectivos de Combarro para informar do cambio de titularidade catastral do Ateneo

Poio
03 de febreiro 2021
Actualizado: 19:08

Este encontro convócase logo de ter constancia dun cambio no Catastro, realizado a principios deste ano, logo de que un particular reclamase a titularidade deste anexo, na Rúa Rambla, co obxectivo de poñelo á venda

Ateneo de Combarro
Ateneo de Combarro / Concello de Poio

O concelleiro de Facenda e Patrimonio do Concello de Poio, Xulio Barreiro, manterá este venres, 5 de febreiro, unha reunión telemática con representantes de diferentes colectivos da parroquia de Combarro, para informar sobre o cambio de titularidade catastral do Ateneo (en concreto, da parte anexa do inmoble sita na Rúa Rambla, 5).

Segundo explica o responsable deste departamento municipal, a principios deste ano (concretamente, o pasado 4 de xaneiro), "rexistrouse no Catastro un cambio de titularidade destas instalacións", despois de que un particular se identificase como suposto propietario destas dependencias.

Sen embargo, Barreiro advirte de que existe documentación na que se afirma que, se ben  foi de propiedade privada no pasado, nos anos 70 se iniciou un proceso de expropiación.

"Desde entón, o inmoble situado na Rúa Rambla é de titularidade do Estado e non privada e imos defender isto ata as últimas consecuencias", advertiu o concelleiro de Patrimonio, logo de que se tivese constancia de que a persoa que reclama a propiedade teña como obxectiva poñela á venda.

O Concello xa remitiu unha petición ao Catastro para solicitarlle o expediente do Ateneo, instancia á que aínda non deu resposta este órgano. Na reunión convocada cos colectivos darase conta da situación.

O inmoble do Ateneo é un dos símbolos máis emblemáticos do casco histórico de Combarro. O edificio principal, na Rúa San Roque, pertence actualmente á Deputación de Pontevedra.

Pola súa banda, o portavoz do PP de Poio Ángel Moldes anunciou este mércores a presentación dunha moción urxente no Pleno para garantir que a casa do Ateneo siga estando a disposición dos veciños.

O popular fixo este anuncio tras coñecer a posta á venda do inmoble por parte dunha inmobiliaria.

O PP solicitarán ao Goberno Local que explore todas as vías para impedir que se perda para os veciños "un símbolo da historia, a cultura e a veciñanza de Combarro". A moción pedirá ao concello explorar as vías legais para reter o uso público do inmoble, "e de non ser posible, negociar coa nova propiedade para garantir o uso público".