O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo do Concello de Poio, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), ten previsto convocar nos vindeiros días aos integrantes da Comisión de Seguimento de Tambo para "poñer ao día ás asociacións sobre en que consiste a concesión demanial que imos asinar co Ministerio de Defensa e que permitirá ao Concello xestionar Tambo desde este vindeiro mes de marzo”.
Este encontro tamén ten coma obxectivo avanzar en tramitacións de relevancia, como o futuro Plan de Usos da illa e a solicitude de definición de Espazo Natural de Interese Local (ENIL). “Desde o primeiro momento deixamos claro que os colectivos que forman parte da Comisión de Seguimento ían ter a ocasión de coñecer de primeira man toda a información, ademais de dispoñer da posibilidade de realizar achegas e suxestión que contribúan a que poidamos desenvolver unha xestión o máis eficiente posible desta paraxe tan emblemática da ría de Pontevedra”, engadiu Agís.
A concesión demanial terá unha duración de 25 anos, con posibilidade de prórroga ata os 75, unha marxe que Agís considera “máis que suficiente para completar o traspaso de titularidade de Tambo de xeito definitivo, sendo, ademais, a figura legal que nos dea unha maior axilidade á hora de poder actuar na illa”.
Precisamente, o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo visitou este espazo a pasada fin de semana, acompañado de varios representantes de diferentes colectivos, para pasar revista ao estado da illa. O edil socialista, ademais de reafirmar o compromiso de impulsar actuacións a medio prazo para converter a Tambo nun referente “a nivel patrimonial, medio ambiental e turístico”, tamén aposta por efectuar os traballos que sexan necesarios a curto prazo para que se poidan organizar visitas antes do vindeiro verán.
Cómpre recordar que a Comisión de Seguimento está formada por representantes do tecido asociativo, ademais de polos grupos da Corporación Municipal. O titular de Promoción Económica e Urbanismo tamén se reuniu este luns con representantes das confrarías da ría da Pontevedra para abordar a situación de Tambo.