Convocado un Pleno Extraordinario para coordinar as protestas ante o peche de Abanca en Portas

Umia
27 de agosto 2021

O Pleno Extraordinario celebrarase o vindeiro martes 31 de agosto e nel aprobarase un manifesto reivindicativo consensuado por todos os grupos políticos con representación na Corporación para ser remitido á Dirección de Abanca, á Xunta de Galicia, ao Goberno central e ao Banco de España

Reunión dos voceiros municipais de Portas, presidida polo alcalde Ricardo Martínez
Reunión dos voceiros municipais de Portas, presidida polo alcalde Ricardo Martínez / Concello de Portas

Os voceiros municipais de Portas acordaron, nunha reunión convocada polo alcalde Ricardo Martínez, celebrar un Pleno Extraordinario para oficializar a repulsa unánime de todos os grupos políticos con representación na Corporación (PPdeG, BNG, VUP e PSdeG-PSOE) á decisión de Abanca de pechar a única sucursal bancaria existente no municipio o 22 de setembro.

O Pleno Extraordinario celebrarase o vindeiro martes 31 de agosto ás 10 da mañá e nel aprobarase un manifesto reivindicativo consensuado por todos os grupos políticos con representación na Corporación para ser remitido á Dirección de Abanca, á Xunta de Galicia, ao Goberno central e ao Banco de España, como entidade reguladora da actividade bancaria.

Os representantes dos grupos políticos na Corporación avogaron por elevar as súas demandas ao Goberno autonómico e central coa intención de que se arbitren medidas que impidan que entidades bancarias como Abanca, beneficiadas dos procesos de saneamento das antigas caixas, adopten medidas inxustificadas que van en deterioro dos servizos no rural, coa eliminación da rede bancaria en Galicia e en gran parte da "España baleira".

Os voceiros municipais lamentaron a falla de empatía amosada por Abanca co tecido social e económico das vilas do rural galego en plena pandemia da Covid-19 e con abundantes beneficios que en maneira algunha xustifican calquera medida restritiva como as que están levando a cabo.

Nesta reunión tamén se acordou consensuar un escrito para levar ao Pleno Extraordinario e que poida ser aprobado por unanimidade dos 11 concelleiros que conforman a Corporación Municipal de Portas.

No Pleno Extraordinario do vindeiro martes adoptaranse as medidas de protesta e mobilización concretas, nas que se buscará a participación da cidadanía.

Así mesmo, os voceiros municipais amosáronse dispostos a promover a chegada dunha nova entidade crediticia e anunciaron que, de producirse o peche da sucursal de Abanca, abrirían a porta á posibilidade de migrar os depósitos municipais cara outra entidade.