Convocado un encerro dos celadores para o luns 23 de xaneiro en Montecelo

Pontevedra
12 de xaneiro 2023

Nunha reunión mantida nas últimas horas, o colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés anuncia un encerro de 24 horas no Hospital Montecelo o vindeiro luns 23 de xaneiro ante a falta de resposta por parte dos xestores sanitarios ás súas demandas

Reunión do colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés o mércores 11 de xaneiro
Reunión do colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés o mércores 11 de xaneiro / PontevedraViva

O colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés reuníase na tarde deste mércores 11 de xaneiro no auditorio de Montecelo para debater sobre "vellas reclamacións que se cronificaron e naturalizaron co tempo e que conlevan un desgaste e cansazo dentro do colectivo", informaba Gustavo Olmedo, o portavoz dos celadores e celadoras da área sanitaria.

Estas reivindicacións eran recollidas nunha entrevista que Olmedo concedía a PontevedraViva o pasado 5 de novembro. "Unha destas reclamacións antigas é renovar o parque de padiolas e de cadeiras de rodas da área de Urxencias de Montecelo porque están nalgúns casos, e non esaxero, inservibles, e non dignifica para nada a nosa profesión nin tampouco ao paciente. Son materiais que levan moitos anos en uso, que están moi baqueteados porque é un servizo, o de Urxencias, que ten moito uso ao longo do día. Moitos compañeiros tivemos lumbalxias porque estamos a traballar todos os días, non é algo puntual, cunhas padiolas e unhas cadeiras que están moi vellas, obsoletas, e é un sobreesforzo diario. Outra reclamación importante é unha contratación digna, que non teñamos un contrato cada día distinto e nun servizo distinto".

Estas reclamacións foron expostas na última reunión co xerente da área sanitaria José Flores, "as mesmas que se expuxeron á anterior xerencia e que a día de hoxe todas elas están sen resolver", lamenta Olmedo. A estas demandas únese a reivindicación de que no novo mapa de profesións se inclúan aos celadores dentro da categoría sanitaria. Para iso, necesitan que o Parlamento de Galicia aprobe unha proposición non de lei que se segue atrasando no tempo.

Aínda que o colectivo de celadores manifesta que as mobilizacións "serían o último recurso", ante a falta de resposta dos xestores sanitarios finalmente acordaron un encerro de 24 horas no Hospital Montecelo o vindeiro luns 23 de xaneiro. Así mesmo, comunica o colectivo de celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que "se convidou aos compañeiros doutras áreas sanitarias a que nos secunden".