Convocada unha marcha a favor de Ence cun clamor á Audiencia Nacional para que faga público o seu fallo

Pontevedra
13 de xullo 2021

A presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, Ana Cedeira, manifestaba a "situación de incertidumbre y preocupación para todos los que trabajamos en Ence" ante a demora da resolución da Audiencia Nacional, e que este é un dos motivos da manifestación que co apoio do sindicato Comsións Obreiras convocan para este venres 16 de xullo

Convocatoria da marcha a favor de Ence, con Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, e o secretario de organización comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa (centro da imaxe)
Convocatoria da marcha a favor de Ence, con Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, e o secretario de organización comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa (centro da imaxe) / PontevedraViva

"Pedimos que la Audiencia Nacional haga público el fallo de la sentencia. Esta es una situación de incertidumbre y preocupación para todos los que trabajamos en Ence y pedimos que ya no se demore más en el tiempo ya que tenía que haber salido la sentencia hace un año, por lo que pedimos a la Audiencia que haga público ya el fallo".

Son palabras de Ana Cedeira, a presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, durante a convocatoria da manifestación que este venres 16 de xullo volverá levar aos traballadores da fábrica ás rúas de Pontevedra.

Esta marcha a favor da permanencia de Ence está organizada polo sindicato Comisións Obreiras, que se desmarca da postura do comité de empresa da fábrica de Lourizán con maioría do sindicato CIG que si estaría a favor do traslado da factoría a outro punto da comarca de Pontevedra no caso de que a continuidade na Ría non fose viable en función do fallo da Audiencia Nacional.

"O traslado non é unha opción. Ou permanece Ence en Pontevedra ou desaparece o emprego", puntualizaba o secretario de organización comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, que incidía en que un cambio de emprazamento implicaría a perda de 5.000 postos de traballo "entre directos e indirectos e empresas auxiliares" ademais dunha "importante masa salarial" que deixaría de consumir no sector servizos da cidade e contorna.

García Pedrosa expoñía que para o seu sindicato "a manifestación do día 4 foi un fracaso", en alusión á marcha convocada pola Asociación para a Defensa da Ría contra a continuidade da pasteira. Así mesmo, mostrábase moi crítico cos debates que desde diferentes grupos políticos están a levarse a cabo sobre a necesidade de que Ence abandone os terreos de Lourizán. "Son plantexamentos políticos irresponsables e trasnoitados", apuntaba, con especial énfase na actitude contraria do Concello de Pontevedra, a Deputación e o ministerio de Transición Ecolóxica.

Con respecto á ministra Teresa Ribeira intúe o sindicato que as reunións mantidas foron unha maneira de alongar o problema á espera do fallo da Audiencia Nacional e esta falta de apoio á continuidade de Ence reflíctese en que non se incluíse unha proposta para a factoría na solicitude dos fondos europeos Next Generation. En canto ao Goberno galego, "valoramos a postura máis sensata da Xunta pero nas diferentes reunións meteu a pata" por non asumir as súas responsabilidades e deixar aos traballadores á súa sorte, que son os que en definitiva "estamos na primeira liña".

Á espera do pronunciamento da Audiencia Nacional, Comisións Obreiras xa adianta que continuará coas mobilizacións, e para iso volve facer un chamamento aos traballadores de Ence e en xeral á cidadanía da comarca de Pontevedra. Neste momento, xa teñen confirmada a presenza dunha ampla representación do sector forestal na manifestación deste venres 16 de xullo ás 20:00 horas. O percorrido iniciarase na rúa Rafael Areses, xunto á sede da Policía Local, e continuará pola rúa José Malvar, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena e ata a Praza de España, onde haberá unha concentración final.