Convocada a segunda edición do Premio ao Proxecto Innovador Forestal da Cámara de Comercio e ENCE

Pontevedra
27 de setembro 2018

Ademais do primeiro premio, dotado con 5.000 euros en metálico, establécese tamén un accésit valorado en 2.000 euros. O prazo de candidaturas abre o vindeiro luns, 1 de outubro

Presentación do II Premio ao Proxecto Innovador Forestal da Cámara de Comercio e Ence
Presentación do II Premio ao Proxecto Innovador Forestal da Cámara de Comercio e Ence / PontevedraViva

Por segundo ano a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía pon en marcha o Premio ao Proxecto Innovador Forestal, enmarcado dentro do Plan Social ENCE.

"El objetivo de este premio es doble, potenciar por un lado el sector forestal y potenciar por otra parte su capacidad innovadora", sinalou na súa presentación o director territorial da empresa pasteira, Antonio Casal.

Trátase dunha iniciativa que pretende desenvolver novos modelos de xestión, produtos e servizos que sexan sustentables a medio prazo desde unha óptica ecolóxica, sociolóxica e económica.

Calquera persoa "física o jurídica" pode presentar o seu proxecto, explicou o presidente da Cámara de Comercio, José García Costas, aínda que en especial está dirixido ás persoas que neste momento están a formarse nas escolas de enxeñería forestal e nos distintos ciclos de formación.

O primeiro premio recibirá unha recompensa económica de 5.000 euros, e establécese tamén un accésit valorado en 2.000 euros.

O prazo de presentación de candidaturas ábrese o vindeiro luns 1 de outubro, ata o 20 de novembro, estando prevista a notificación dos gañadores o día 13 de decembro.