Convivencia e reinserción social, prioridades da nova directora da prisión da Lama

Pontevedra
18 de febreiro 2019

Teresa Delgado tomou posesión este luns como nova directora do centro penal da Lama, no que foi subdirectora de Tratamento durante oito anos. Este luns recibiuna  Maica Larriba, que destacou a súa "capacidade profesional sobradamente demostrada" e que é a primeira muller no cargo

Teresa Delgado, nova directora da prisión da Lama
Teresa Delgado, nova directora da prisión da Lama / Mónica Patxot

Teresa Delgado tomou posesión este luns como nova directora do centro penitenciario da Lama. É a primeira muller neste cargo e unha profesional 'da casa' xa curtida no funcionamento do penal pontevedrés que garante continuidade na filosofía dunha prisión que logrou ser referente no cumprimento do mandato constitucional de enfocar a estancia en prisión á reeducación e reinserción social dos internos. 

A nova directora foi durante o últimos oito anos subdirectora da área de Tratamento do centro e non concibe o seu traballo sen ter en canta o artigo 25.2 da Constitución Española, que dispón que "as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas á reeducación e reinserción social". O seu traballo durante estes últimos anos foi, de feito, garantir que na Lama funcionasen todas as actividades enfocadas a este fin constitucional. 

O seu primeiro acto público como directora produciuse este mesmo luns cun encontro coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que destacou, en primeiro lugar, a súa "capacidade profesional sobradamente demostrada" e tamén que sexa muller. 

"Unha vez máis, a provincia de Pontevedra, a través de Teresa Delgado, continúa avanzando e sendo un referente de igualdade para todo o Estado", destacou a responsable do Goberno na provincia, en referencia a que asume "un tipo de postos que ata agora estaban máis masculizados". En Galicia ata agora tan só fora directora dunha prisión Silvia Alonso, que dirixiu Teixeiro e Pereiro de Aguiar. 

Teresa Delgado lembrou nunha breve intervención ante os medios que formou parte do equipo directivo do centro durante o últimos oito anos e indicou que se sente "profundamente orgullosa e con moitísima ilusión" de situarse á fronte do centro a partir de agora. Asegurou que seguirá traballando na mesma liña que ata agora, ao entender que "é a linea adecuada e satisfactoria para todos os nosos administrados, os internos, así como os funcionarios".

Esa liña de traballo supón seguir a filosofía que mantiña o xa ex director, José Ángel Vázquez, desde este luns director do centro penitenciario coruñés de Teixeiro, e na que ela mesma tivo gran protagonismo. "Continuidade e seguir loitando por unha convivencia ordenada no centro penitenciario e a reinserción social", explicou. 

Maica Larriba destacou que Teresa Delgado pertence ao corpo técnico da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias -primeiro ocupou o posto de xurista en Ibiza e Las Palmas- e que tivo responsabilidades importantes na prisión pontevedresa -como subdirectora de Tratamento-. Insistiu tamén en que ela e o anterior director "traballaron ao unísono" e a eles débese que A Lama "sexa unha prisión de referencia dentro do que é o panorama do Estado". 

Respecto diso, destacou especialmente que Delgado e Vázquez lograron poñer en marcha o módulo terapéutico mixto do cárcere da Lama, o único de toda Galicia e un dos poucos que existen no Estado. De 1.100 reclusos que hai na Lama, entre un 6 ou 7% son mulleres, pero, aínda que a poboación recluída feminina é moi inferior "teñen dereito a estar neses módulos de tratamento en condicións de igualdade cos homes", por iso é polo que se impulsou este módulo.