"Convencemento total" do director de Ence-Pontevedra de que os tribunais garantirán a prórroga na Ría

Pontevedra
15 de decembro 2020

A empresa pasteira está á espera da resposta por parte da Audiencia Nacional aos tres recursos presentados polo Concello de Pontevedra, a Asociación para a Defensa da Ría (APDR) e a asociación ecoloxista Greenpeace, e que podería demorarse ata os primeiros meses de 2021

Carlota Domínguez (Banco Santander), Jesús Rey (AJE) e Antonio Casal (Ence) presentan o foro de financiamento da Aceleradora Ría de Pontevedra
Carlota Domínguez (Banco Santander), Jesús Rey (AJE) e Antonio Casal (Ence) presentan o foro de financiamento da Aceleradora Ría de Pontevedra / PontevedraViva

Este martes, Antonio Casal, o director de Ence-Pontevedra, asistía á presentación das actividades que pechan a terceira edición da Aceleradora Ría de Pontevedra de empresas.

Na sede da Asociación de Novos Empresarios manifestaba, a preguntas dos xornalistas, que a empresa segue á espera de que se dite sentenza nos tres recursos aínda pendentes contra a prórroga da concesión da pasteira na Ría de Pontevedra.

A resposta a estes recursos, presentados polo Concello de Pontevedra, a Asociación para a Defensa da Ría (APDR) e a asociación ecoloxista Greenpeace, estaba prevista para finais do presente 2020. Dadas as datas nas que nos atopamos, a resolución xudicial podería demorarse.

"Dubido que antes de fin de ano haxa algo. Pero tampouco podo dicir que non porque non o sei. Ao final os tempos xudiciais son os tempos xudiciais e só eles os coñecen. Cremos que quizá cara ao primeiro trimestre teñamos información da sentenza. De momento, estamos igual", manifestaba Antonio Casal.

A decisión do Goberno estatal do pasado mes de marzo de non defender nos tribunais a permanencia de Ence en Lourizán ata o ano 2073, ao entender que a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy o 20 de xaneiro de 2016, cando xa estaba en funcións, non se axustaba a uns criterios claros, provocou un cambio na estratexia xudicial da empresa de celulosa, que se quedaba sen apoios das Administracións Públicas.

A pesar de que Ence quedou en solitario no mencionado procedemento xudicial aberto na Audiencia Nacional, impulsado polo Concello de Pontevedra, APDR e Greenpeace, o director de Ence-Pontevedra insiste en que "temos o convencemento total de que temos a razón".

"Pero fóra diso, do noso convencemento e de estar seguros e convencidos de que defendemos a nosa posición con todos os argumentos necesarios, fóra diso non sabemos nada máis", remataba Antonio Casal, á espera de que a Audiencia Nacional se pronuncie, previsiblemente nos primeiros meses do próximo 2021.

Arquivado en