A Deputación de Pontevedra vai actuar "con contundencia" no acougado de tráfico nas estradas da súa titularidade para mellorar a seguridade viaria na provincia. E farao "seguindo o referente do Concello de Pontevedra", segundo o deputado responsable en materia de Mobilidade, Uxío Benítez.
Así o sinalou tras dar conta da alegación que presentou o goberno provincial á ordenanza de circulación que quere modificar a oposición en Pontevedra para regular a instalación destes elementos reductores de velocidade, adaptándoos ás características técnicas marcadas polo Ministerio de Fomento para as súas estradas.
Nesta alegación, avalada por un informe técnico de 50 páxinas, explícanse os argumentos polos que se debe anular a modificación desta ordenanza. "Agardemos que se estude con rigor, porque non é unha alegación política, é unha alegación técnica baseada en datos de organismos internacionais", explicou o deputado do BNG.
Segundo manifestou, a normativa estatal "non ten nada que ver coas realidades dos ámbitos urbanos e os núcleos da provincia", polo que o goberno provincial entende que a modificación destes elementos reductores de velocidade supón unha "alteración esencial" dun modelo de mobilidade e duns criterios "que compartimos e que queremos desenvolver".
A Deputación asegura que na modificación que se quere aprobar non se inclúe memoria económica algunha -tendo en conta que se pide a eliminación de todos os lombos que non se axusten a dicha normativa- e que conta con informes técnicos desfavorables, entre outros, do enxeñeiro municipal, do intendente da Policía Local ou do propio secretario do Pleno.
Benítez sinalou que a nova Deputación apostou por un cambio no modelo de mobilidade priorizando a defensa das persoas fronte aos coches e á súa seguridade viaria.
A aceptación desa "alteración do modelo" de Pontevedra ao modificar os pasos de peóns elevados tería un alcance de grandes dimensións "tanto para Pontevedra como para todo o movemento universal para acadar cidades máis amables, máis seguras, máis accesibles, máis humanas, máis ecolóxicas, máis á medida dos nenos e nenas e máis de futuro".
Por iso, o deputado avanzou que a Deputación seguirá aplicando políticas de diminución de velocidade nas vías provinciais mediante a instalación de zonas 30, pasos de peóns elevados ou outros reductores de velocidade, sempre deseñados en función das características propias e a contorna da vía "como nos piden os alcaldes, que os solicitan porque os piden os veciños".
ATAQUE Á LINEA DE FLOTACIÓN DA DEPUTACIÓN
Pola súa banda, o vicepresidente provincial, César Mosquera, indicou tamén que a entrada en vigor da modificación da ordenanza podería supoñer revisar todos os proxectos en redacción ou tramitación na institución provincial para os que non hai acto administrativo firme de apertura de licitación, "co mal uso e desplifarro de recursos humanos e económicos públicos".
Así mesmo, destacou que hai proxectos da Deputación que están en execución -como a mellora da estrada entre A Ruibal e Marcón, a rolda este, a ponte sobre o Río Rons- que inclúen os dispositivos de redución de velocidade criticados polas forzas da oposición do Concello de Pontevedra. "Resulta que a Deputación ten que rematar a obra, transfire esas vías ao Concello e logo o Concello ten que levantalas? Iso é unha barbaridade", subliñou.
Mosquera, do mesmo xeito que Benítez, lembrou que a modificación da ordenanza municipal de Pontevedra supón un "ataque á liña de flotación da Deputación", tanto por non respectar os principios da ordenanza de seguridade viaria provincial do 2013 como por "dinamitar" os criterios de mobilidade que se están aplicando na rede de estradas provinciais. "Que iso saíse adiante sería unha volta atrás", sentenciou o nacionalista.