Contratan un estudo xeotécnico para comprobar a viabilidade da conexión subterránea entre os edificios do Museo

Pontevedra
01 de febreiro 2020

O estudo xeotécnico debe garantir a viabilidade do proxecto da rehabilitación dos edificios mediante unha conexión subterránea con dous niveis

Os edificios García Florez e Castro Monteagudo
Os edificios García Florez e Castro Monteagudo / PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra segue dando pasos para que o seu ambicioso proxecto de rehabilitación do Museo de Pontevedra se converta en realidade.

O último foi a contratación dun estudo xeotécnico que comprobe a viabilidade da conexión subterránea plantexada entre os edificios centrais da institución museística, ademais da redacción da modificación puntual do Peprica para permitir esta obra.

A empresa Galaicontrol SL será a encargada de realizar o estudo na contorna dos inmobles da Praza da Leña, cun orzamento de 5.016,66 euros.

Este estudo debe garantir a viabilidade do proxecto da rehabilitación dos edificios mediante unha conexión subterránea con dous niveis. Realizaranse sondaxes e ensaios para distinguir os diferentes estratos e tipoloxías de chan e roca en profundidade, así como a súa estabilidade. 

Por outra banda a redacción da modificación puntual do Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) de Pontevedra tamén está adxudicada, neste caso a Antonio Reboreda Martínez SLNE por valor de 10.678,25 euros.

Esta modificación é precisa porque o actual plan aprobado en 2003 non contempla a posibilidade de crear sotos en ningún dos tres edificios.