Contratado o servizo de seguridade e vixilancia da Bienal de Arte por preto de 200.000 euros

Pontevedra
14 de marzo 2025

A Deputación de Pontevedra mobiliza 2 millóns de euros en materia de infraestruturas deportivas, investimentos en concellos e cultura

Rafa Domínguez, vicepresidente de la Deputación
Rafa Domínguez, vicepresidente de la Deputación / Deputación de Pontevedra

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra mobilizou este venres dous millóns de euros en materia de infraestruturas deportivas, investimentos en concellos e cultura.

En ausencia do presidente provincial Luís López, de viaxe institucional en Xapón, foi o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, quen compareceu en rolda de prensa para dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Provincial celebrada á primeira hora da mañá.

Segundo detallou, hoxe aprobouse o expediente para contratar o servizo de seguridade e vixilancia da Bienal de Arte por preto de 200.000 euros.

Co obxectivo de garantir a seguridade, tanto das persoas como dos espazos expositivos como das obras, contratouse este servizo de seguridade.

A empresa contratada exercerá a vixilancia entre o 1 de xuño até o 31 de setembro no Pazo da Cultura, no convento de Santa Clara, na Sala Moldes, na Facultade de Belas Artes e na Sala de exposicións da Fundación Rosón de Arte contemporánea. O Museo de Pontevedra xa ten o seu propio servizo de seguridade e vixilancia.

Proximamente contratarase o correspondente seguro para as máis de 700 obras de arte que exporán os 62 artistas que participarán na Bienal pontevedresa.

PLAN + PROVINCIA E INFRAESTRUTURAS DEPORTIVAS

O goberno provincial tamén aprobou 700.000 euros para tres concellos dentro do Plan + Provincia.

Concretamente, son preto de 100.000 euros para Tui que destinará ás festas patronais de San Telmo e 290.000 para que os concellos de Agolada e Cerdedo-Cotobade contraten a 28 persoas desempregadas.

Ademais, nesta Xunta de Goberno adxudicáronse 1,1 millóns de euros dentro do segundo Plan de Infraestruturas deportivas que beneficiarán aos municipios de Pontecesures (95.000 euros) para mellorar o pavillón municipal, Gondomar (160.000 euros) para renovar a iluminación do campo de fútbol dAs Cercas, Moaña (200.000 euros) para reformas no pavillón, Marín (100.000 euros) para unha deshumectadora na piscina, Moraña (100.000 euros) para as pistas deportivas de Mirallos, Poio (135.000 euros) para a pista multideporte do lugar de Vilariño, Mos (170.000 euros) para mellorar as instalacións do complexo deportivo Óscar Pereiro e O Porriño (200.000 euros) para o acondicionamento exterior da contorna do complexo deportivo.