A característica Ponte de Pedre, unha das estruturas medievais máis relevantes de Cerdedo-Cotobade datada entre os séculos XII e XV, atópase nunha situación crítica tras o derrubamento dun dos seus principais contrafortes.
Esta estrutura, que conta con 60 metros de lonxitude e tres arcos lixeiramente apuntados, presenta múltiples fendas e dilatacións entre os seus sillares, poñendo en risco a integridade do monumento.
O contraforte afectado, o de maior tamaño con 4,80 metros de ancho frontal e 3,25 metros de fondo, permanece derrubado no chan desde hai anos, comprometendo a estabilidade do conxunto da ponte medieval.
Segundo denuncia Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG, a deterioración non é recente senón que se remonta a un desbroce realizado polo Concello en 2021, tras o cal non se executaron as necesarias accións de consolidación.
O grupo municipal do BNG anunciou a presentación dunha moción no vindeiro pleno para instar ao goberno local do PP a restaurar urxentemente o contraforte e a desenvolver un proxecto integral de recuperación da ponte.
Ademais, Filgueira subliña a importancia deste patrimonio para o potencial turístico da zona: "Para atraer visitantes ás terras de Cerdedo-Cotobade débense ter os bens patrimoniais en óptimo estado de conservación".
O voceiro nacionalista tamén criticou a ausencia dun proxecto estratéxico para o turismo no municipio, mencionando outros exemplos de abandono como "sendas ateigadas de maleza, os Baños do San Xusto pechados, e sinalización das rutas BTT perdida".