As persoas que integran o Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública (PROSAGAP) protagonizan este venres 10 a terceira marcha reivindicativa en protesta contra o peche de camas que, segundo denuncian, proxecta a xerencia dos hospitais públicos de Pontevedra para este verán.
Profesionais da sanidade, representantes políticos e numerosos cidadáns sumáronse a esta protesta baixo o lema "Camas pechadas, urxencias colapsadas". A comitiva realizou o percorrido desde a praza de España ata a entrada do Hospital Provincial onde se daba lectura a un manifesto. Representantes sindicais denunciaron que, nos vindeiros meses, está previsto o peche de 80 camas en Pontevedra en unidades como cirurxía xeral, medicina interna III, lactantes ou neuroloxía, ademais de 33 camas no Hospital do Salnés.
Prosagap entende que esta situación que se repite todos os veráns provoca que non se realice unha boa xestión de recursos e impide garantir unha asistencia sanitaria óptima. Desta forma, sinalan que aumentan as listaxes de espera para operacións ou os pacientes rematan por ser derivados a hospitais concertados. Entenden que tamén se producen colapsos en urxencias á espera dunha cama nalgunha das habitacións nas diferentes especialidades.
Indican que esta medida por parte do Sergas só busca diminuír os investimentos en contratación en todos os ámbitos. Denuncian, ademais, que a Atención Primaria se está a ver afectada por estas decisións ao non cubrir os profesionais de baixa e aumentar a actividade nos Puntos de Atención Continuada, cuxos profesionais levan 4 meses en folga. Alertan tamén da precariedade laboral que está a sufrir o persoal.
Por este motivo, centos de persoas berraron "non a servizos saturados e espazos abarrotados". E cun simbólico "Basta xa", os asistentes reclamaron unha sanidade de calidade, digna, pública e gratuíta.
Desde a xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra garanten que este verán permanecerán abertas o 87% das camas hospitalarias.