Continúan en baixada os casos covid nos principais municipios da área sanitaria

Pontevedra
16 de febreiro 2021

O municipio de Pontevedra descende en 23 casos activos o número de positivos, mentres que en Poio descende en 24 casos; Marín en dous e Vilagarcía en quince. Os Concellos de Campo Lameiro, A Illa de Arousa, Moraña e Bueu continúan sendo os que presentan menor incidencia acumulada nos últimos 14 días

Test rápido do coronavirus
Test rápido do coronavirus / Mónica Patxot

A baixada progresiva de casos activos nos municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa este martes 16 de febreiro con considerables descensos de positivos nalgúns dos concellos das Rías Baixas.

En Pontevedra cuantifícanse 345 casos, 23 menos nas últimas 24 horas. En Poio, a cifra sitúase en 157, con outra importante rebaixa de casos, 24, segundo informan desde ámbolos municipios. En Marín, o descenso foi menor, dous casos menos que este luns e están activos 136. Bueu ofrece a cifra de 33 casos activos, un menos que na xornada anterior, segundo os datos facilitados pola xerencia da área sanitaria.

Na comarca do Salnés, segundo os datos ofrecidos polo Concello de Vilanova de Arousa, rexistráronse 36 novos casos nas últimas horas, 13 por cada 100.000 habitantes. Neste municipio de Vilanova non hai novos casos activos e mantéñense 35, cunha alta médica nas últimas horas.

En Vilagarcía de Arousa o número é de 129 persoas infectadas, quince menos que nas últimas 24 horas. Na Illa de Arousa a cifra é de 14 casos activos, un menos. Cambados sitúase en 64 contaxios, con baixada de 4 personas mentres que en Sanxenxo son 102, sete menos que este luns.

Chama a atención a situación de Moraña ePonte Caldelas, únicos municipios da contorna en que se rexistra un leve incremento. Este martes 16, rexístranse 17 casos activos en Moraña, dous máis que hai 24 horas; e 44 en Ponte Caldelas, un caso máis.

En Meaño cuantifícanse 35 casos, os mesmos que este luns. Pola súa banda, en Cuntis son 26 os casos activos, dous menos que nas últimas 24 horas. En Cerdedo-Cotobade, o número deste martes é de 29 casos activos, tres menos; mentres que na Lama, a cifra sitúase en 14, dous menos. O número de casos activos no Concello de Soutomaior é de 78, doce menos que este luns. Por último, en Portas os activos de persoas afectadas é de oito, un caso menos.

Xa non hai ningún concello na área sanitaria con máis de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, unha vez que Soutomaior abandonou esa situación. Nestes momentos, tanto o Concello de Soutomaior como o de Poio son os únicos municipios que superan a cifra de 750 casos por cada 100.000 habitantes dentro da área sanitaria.

A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pódese consultar no mapa que acompaña a esta información.