Continúan as protestas reclamando o cesamento da xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra

Pontevedra
17 de novembro 2020

Os sindicatos Co.Bas, CESM e Prosagap volveron realizar outra concentración para pedir a dimisión do xerente José Ramón Gómez, ademais de demandar medidas que eviten contaxios dentro dos edificios de saúde da área sanitaria de Pontevedra

Protesta sanitaria en Montecelo dos sindicatos CESM, Co.bas e Prosagap
Protesta sanitaria en Montecelo dos sindicatos CESM, Co.bas e Prosagap / Prosagap

Todas as semanas rexístranse protestas de representantes sindicais contra a xerencia do  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Este martes 17 foi a quenda das centrais  Co.Bas, Prosaga e CESM.

Nesta ocasión, representantes sindicais concentrábanse ante o Hospital Montecelo con pancartas en defensa da sanidade pública e reclamando á Consellería de Sanidade o cesamento do equipo da xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que dirixe o xerente José Ramón Gómez.

Desde estes sindicatos, que forman parte da Xunta de Persoal, solicitan máis medidas de protección para os profesionais sanitarios ante os numerosos casos de contaxio entre o persoal que se rexistra nesta área. Piden máscaras FFP2  para todos os profesionais que traballan nos centros hospitalarios e tamén controis no acceso a estes espazos públicos para evitar situacións de risco.

Insisten en demandar ao novo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña que cesamento no cargo ao xerente deste centro pola falta de diálogo cos interlocutores do persoal. Afirman que continuarán coas protestas durante as próximas semanas ata que non se ofreza unha resposta ás súas demandas.