Cinco días despois da agresión a puñaladas nun garaxe de Marín, a Policía Nacional continúa investigando para localizar á arma utilizada no ataque.
Os feitos ocorreron sobre as 15.15 horas do xoves 7 de novembro nun garaxe da rúa Jaime Janer de Marín e o agresor xa está en prisión por estes feitos, pero a investigación non puido pecharse ao non aparecer a arma.
Tras asestar ao redor de dez puñaladas á súa vítima, veciño do mesmo edificio ca el, o agresor fuxiu do lugar nun coche e foi localizado pouco despois na casa dun familiar no rural de Marín.
No momento do seu arresto, non levaba encima a arma e non se puido determinar onde se desfixo dela, de modo que os investigadores continúan buscándoa.
Tras a detención, o home foi trasladado á Comisaría da Policía Nacional de Marín e logo foi derivado ás dependencias da Comisaría Provincial, onde permaneceu até a mañá do sábado, cando pasou a disposición xudicial.
Ao mediodía do sábado, a xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Marín decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza e foi derivado ao cárcere da Lama.
O home, de 44 anos, está investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa.
En canto á vítima, de 52 anos, acudiu coa súa muller ao centro de saúde de Marín e logo foi derivado en ambulancia ao Hospital Montecelo, onde permanece hospitalizado este martes, recuperándose de arredor de dez feridas con arma branca en distintas partes do corpo.
A Policía Nacional tomoulle declaración no hospital o venres, unha vez que os médicos confirmaron que estaba en condicións de declarar.
Fontes veciñais indican que o detido ten patoloxías psiquiátricas, aínda que fontes policiais non confirman este extremo.