Continúa o descenso de casos activos na área sanitaria: 132, 16 menos nas últimas 24 horas

Pontevedra
13 de xuño 2021

Oito pacientes permanecen ingresados, dous deles na Unidade de Coidados Críticos no Hospital Montecelo. Durante as últimas 24 horas nas 315 probas PCR realizadas, só se rexistraron catro novos positivos

Vacinación de persoas entre 40 e 49 anos no Recinto Feiral
Vacinación de persoas entre 40 e 49 anos no Recinto Feiral / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa rexistrando unha baixada de casos activos. Durante este domingo 13 de xuño permanecen 132 persoas coa enfermidade, 16 casos menos que o sábado. 124 persoas atópanse recuperándose nos seus domicilios mentres que oito están ingresados.

Dos pacientes ingresados, cinco atópanse en planta de hospitalización no Hospital Montecelo, un no Hospital do Salnés e dous na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

O número de falecementos rexistrado na área continúa paralizado en 181 persoas desde o inicio da continxencia. Curáronse 14.051 persoas, 20 máis nas últimas 24 horas.

Nas 315 probas PCR realizadas durante a última xornada detectáronse só catro novos positivos. 

No municipio de Pontevedra, hai 35 casos activos, dous menos que na xornada do sábado.

GALICIA

A comunidade autónoma rexistra un total de 1.462 casos activos por coronavirus, con 79 casos novos. A tendencia da covid-19 mantense en tendencia descendente. A incidencia acumulada a 14 días sitúase en 43,62 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que a incidencia a 7 días sobe lixeiramente e sitúase en 20,64 (+0,4).

Non se produciron falecementos pola pandemia nas últimas 24 horas e o número de mortes desde o inicio do plan de continxencia é de 2.430 persoas en Galicia. O número de persoas curadas ascende a 124.059 (+134). Neste momento, hai 64 pacientes hospitalizados en planta (-4) e 14 ingresados na UCI (-2).