Continúa o aumento de ingresos con covid na área sanitaria onde se suman tres novos falecementos

Pontevedra
08 de xullo 2022

A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés conta este venres con 104 pacientes covid ingresados en planta de hospitalización: 90 no Hospital Montecelo, 1 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 13 no Hospital do Salnés. A eles hai que sumar catro pacientes con coronavirus que se atopan na unidade de Coidados Críticos de Montecelo. Nas últimas horas notificáronse tres mortes máis na área con idades superiores a 86 anos

Datos covid neste venres 8 de xullo na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Datos covid neste venres 8 de xullo na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Continúan subindo este venres 8 de xullo os casos covid na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés e tamén o número de ingresos e de falecementos motivados pola pandemia.

Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, a área presenta 108 persoas ingresadas coa infección, sete máis que onte. 90 pacientes atópanse en planta do Hospital Montecelo, 13 no Hospital do Salnés e unha persoa permanecen no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez. A eles hai que sumar catro pacientes con covid que son atendidos na unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Rexístranse 108 casos detectados máis que o xoves e a cifra aumenta a 1.836 infeccións nos distritos de Pontevedra e O Salnés.

Nas útimas 24 horas realizáronse 182 probas PCR co resultado de 164 novos casos positivos. 

Ademais, a cifra de falecementos ascende a 308 persoas, con tres mortes máis notificadas este venres. Trátase de dúas mulleres de 97 e 107 anos, e un home de 86 anos. Todos eles contaban con outras enfermidades previas no seu historial médico.

DATOS EN GALICIA

Galicia rexistra un total de 17.730 casos activospor coronavirus, segundo os datos que ofrece a Consellería de Sanidade. Desta cifra, 26 atópanse atendidos en unidades de Coidados Críticos; 824 pacientes permanecen en unidades de hospitalización,  e 16.870 recupéranse nos seus domicilios. En comparación co xoves, hai un paciente máis en UCI e descende en 15 persoas o número de ingresados en planta. Aumentan os casos activos por cuarto día consecutivo.

A comunidade suma xa 3.654 falecementos de persoas infectadas, con nove falecementos máis rexistrados nos últimos días. Todos eles contaban con enfermidades previas e superaban os 74 anos de idade. Curáronse 636.084 pacientes desde o inicio da pandemia en Galicia.

A Consellería de Sanidade aconsella utilizar o número 881.540.045 para aquelas persoas que presenten síntomas leves de coronavirus ou para resolver dúbidas relacionadas coa enfermidade.