O Entroido de Poio, cada ano o máis longo da comarca de Pontevedra, prolóngase este ano aínda máis do habitual por mor dos actos suspendidos polo mal tempo e reprogramados. Este sábado foi o epicentro dos disfraces e comparsas co tradicional Enterro do Galo Bruxo de Samieira.
É xa o segundo enterro do Entroido de Poio, despois do que tivo por protagonista ao Berberecho en Lourido hai unha semana. Nesta festa organizada pola SCD Samieira, viúvas, viúvos e amigos desconsolados compartiron desfile con todo tipo de disfraces e comparsas entre Arén e o campo de fútbol Río de Bois.
A rolda de despedidas continuará este domingo co Enterro do Mexillón en Combarro ás 18.00 horas e o sábado 25 de marzo chegará á súa fin co Enterro do Galo Fodorico en San Xoán.