Continúa a folga nos PAC's despois de que a maioría votara en contra da oferta do Sergas

Pontevedra
08 de maio 2019

Durante a mañá deste mércores 8, os profesionais dos Puntos de Atención Continuada tiveron unha xornada de votación con alta participación. No Centro de Saúde da Parda onde se estableceu a urna para esta área sanitaria só houbo tres votos favorables a poñerlle fin á folga

Votación no Centro de Saúde da Parda de profesionais dos PACs
Votación no Centro de Saúde da Parda de profesionais dos PACs / PontevedraViva

Levan 17 meses de conflito e máis de catro meses secundando unha folga indefinida que vai continuar despois de que maioritariamente os traballadores dos Puntos de Atención Continuada de Galicia (PACs) teñan votado en contra da proposta que lles realizaba o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

No Centro de Saúde da Parda instalábase a urna para levar a cabo estas votacións coa presenza de numerosos profesionais dos PACs. Neste colexxio e no do Salnés, o resultado foi contundente. Só seis votos eran favorables a porlle fin ao paro indefinido mentres que 49 apoiaban continuar coa folga. En Galicia, a favor da proposta do Sergas votaron 78 persoas e en contra, 268.

O referéndum tamén recollía un segundo punto en que se propoñía retirar da negociación o cómputo de xornada. Unha opción que votaron 147 fronte aos 175 que en toda Galicia decidiron apoiar a contraproposta de PACs en pé de guerra.

Este resultado vai ser trasladado ao Sergas e este vindeiro venres 10 celebrarase unha xuntanza do comité de folga para decidir os seguintes pasos a dar, segundo representantes do colectivo.

As negociacións atópanse enquistadas principalmente por ese punto do cómputo de xornada, xa que os profesionais sanitarios denuncian que cando piden un permiso laboral remunerado rematan debendo esas horas de traballo.