Continúa a baixada de casos activos na área e permanecen 47 persoas con covid hospitalizadas

Pontevedra
15 de marzo 2022

Segundo os datos da Consellería de Sanidade, no Hospital Montecelo hai 43 pacientes en planta mentres que continúan dous pacientes ingresados no Hospital do Salnés. Na Unidade de Coidades Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra están atendendo a dúas persoas con coronavirus. Nas últimas horas faleceron 4 persoas infectadas en Galicia, ningunha na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

Datos covid neste martes 15 de marzo na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Datos covid neste martes 15 de marzo na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Neste martes 15 rexístranse 69 casos activos menos que o luns na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, segundo os datos facilitados pola Consellería de  Sanidade. 

Nesta xornada atópanse enfermas con covid-19 un total de 2.138 persoas. Desta cifra atópanse hospitalizados 45 pacientes, 43 no Hospital Montecelo e dous no Hospital do Salnés. A eles hai que sumar dúas persoas que se atopan na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Nas últimas horas rexistráronse 194 contaxios novos, 89 menos que na xornada precedente.

Non se notificaron novos falecementos na área durante os últimos días, polo que a cifra mantense en 263 decesos desde o inicio da pandemia. Durante este período curáronse 57.802 persoas.

DATOS EN GALICIA

Desde a Consellería de  Sanidade indican que catro persoas faleceron coa enfermidade do coronavirus en Galicia. O número de mortos desde o inicio do plan de continxencia elévase a 3.157 na comunidade autónoma.

O número de casos activos ascende en 21 positivos durante esta xornada situándose en 19.483. Entre eles atópanse hospitalizados en planta 378 enfermos, tres menos que onte; e nas Unidades de Críticos mantéñense 26 pacientes, un menos que o luns.

Por áreas sanitarias, os casos activos repártense do seguinte modo: A Coruña-Cee: 4.144 (+47); Vigo: 3.394 (+28); Santiago-O Barbanza: 3.105 (-42); Ourense: 2.802 (-33); Lugo: 2.372 (+25); Pontevedra-O Salnés: 2.138 (-69); Ferrol: 1.445 (+66); e sen área sanitaria asignada: 83 (-1)

Detectáronse 1.919 positivos novos durante as últimas 24 horas. Trátase de 550 contaxios menos que na xornada de onte e 151 máis en comparación co martes da semana pasada.