Este mércores 20 de marzo celébrase o Día Mundial da Narración Oral e con tal ocasión o Hospital Provincial de Pontevedra acolleu sesións de contacontos na súa área de Pediatría.
En colaboración co Servizo de Pediatría e o voluntariado altruísta do colectivo Pavís Pavós, os meniños ingresados no hospital capitalino poideron disfrutar dunha mañá repleta de narracións, historias e lendas.
Sempre é positivo contar contos aos meniños, pois é unha tradición herdada de xeración en xeración. Ademais, nun mundo de consolas e debuxos animados, é terapéutico contar contos á poboación infantil fronte a outras formas de entretemento, centrándose no tipo de público máis vulnerable como son os nenos hospitalizados e aos que é máis necesario animar nunha contorna asistencial.
Dende o servizo de Enfermaría da área de Pediatría, subliñan que "pasar longos períodos en hospitalización mentres se está enfermo pode ser unha experiencia intensa, sobre todo para o colectivo infantil. Os niveis de preocupación que senten ao seu redor poden afectar ao seu ánimo. Por ese motivo, cara a mellorar dito estado nos pequenos pacientes, a nosa área pediátrica do Hospital Provincial de Pontevedra dispón de espazos asistenciais con adornos de gran colorido e onde tamén se organizan actividades periódicas para eles, como son as actividades lúdicas e os contacontos".
Os contos son efectivos debido a un fenómeno chamado "transportación narrativa". Ao ler ou escoitar unha historia, os meniños experimentan sensacións e visións ligadas á narrativa, acadando unha evasión imaxinativa temporal do mundo real. Este efecto adoita ser relaxante, algo especialmente relevante nos nenos hospitalizados, pois lles permite esquecerse do seu entorno hospitalario, sendo un xeito sinxelo e seguro de colaborar á súa máis rápida recuperación.